Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo litiga coa Seguridade Social sobre a propiedade da Casa do Mar de San Cibrao

Nota de prensa:
O GOBERNO LOCAL CREE QUE A TESOURERÍA XERAL DA SEGURIDADE SOCIAL EVIDENCIA UNHA VEZ MÁIS A SÚA FALTA DE RESPECTO CON CERVO

*

O Concello recibiu un escrito desta administración afirmando ser o titular do inmoble e requiríndolle a que aporte documentación sobre os locais dos que dispón o consistorio nese edificio

*

Este recoñecemento contradí frontalmente as informacións aportadas polos responsables da Seguridade Social da provincia feitas á concelleira de Asuntos Sociais a principios deste mesmo nas que lle aseguraban que a titularidade das Casas do Mar era de Costas

*

Ao Concello parécelle incrible que a Seguridade Social, despois do paso do tempo, dos escritos enviados e das conversas mantidas sobre este tema pregunte precisamente cal é a situación e os acordos que teñen acadados sobre un inmoble que é da súa propiedade

Cervo, 27 de outubro de 2010.- A concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Cervo, Pilar Armada, deu a coñecer hoxe que a Tesourería Xeral da Seguridade Social remitiu a pasada semana un escrito ao Concello onde afirman ser os titulares do inmoble da Casa do Mar e onde lle require ao Goberno local documentación sobre dous locais cedidos ao Concello ubicados neste edificio.

Para Armada o contido do escrito é a constatación da “falta de respecto” dos responsables políticos que están á fronte desta administración provincial dependente do Ministerio de Traballo. Na súa opinión, este recoñecemento por escrito ven a contradicir o dito por responsables deste organismo na provincia o pasado día un de outubro en conversa telefónica coa edil de Asuntos Sociais. Daquela os representantes da Tesourería Xeral da Seguridade Social aseguráronlle a Armada que a titularidade das Casas do Mar xa non dependía deles, se non que o facía da Dirección Xeral de Sostenibilidad de la Costa y del Mar.

“Xa dixemos daquela que esa resposta nos parecía fora de lugar porque non era de recibo que despois dun ano e medio solicitándolles constantemente estes locais de xeito formal e mantendo xestións directas con eles se descolgaran de súpeto dicindo que non era cousa da súa competencia… Agora, eles mesmos se delatan e demostran que o único que levan facendo en todo este tempo é dilatar a contestación sobre a nosa petición para poder utilizar estes locais e destinalos á cidadanía… Descoñezo que razóns son as que os moven para montar todo este folletín por entregas, pero as nosas sospeitas de que existe unha man negra socialista movendo os fíos por detrás para torpedear as nosas xestións fanse cada vez máis evidentes” sinalou Armada.

RESPOSTA

A edil cervense confirmou ademais que o alcalde, Alfonso Villares, remitiu xa un escrito de contestación á Seguridade Social. A efectos de facilitarlles a localización da documentación requirida o escrito do Concello remite aos representantes provinciais desta administración dependente do Goberno central á publicación do Real Decreto 373/1999, de 5 de marzo, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos da Seguridade Social en materia de asistencia e servizos sociais encomendados ó Instituto Social da Mariña (lSM), feita no BOE nº 71 do mércores 24 de marzo de 1999.

Así mesmo no escrito o alcalde lembralles aos representantes da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo que dende hai dous anos o Concello leva poñendo no seu coñecemento que as dependencias da Casa do Mar de San Ciprián están sendo infrautilizadas “e sen producir ningún uso social cara ó pobo”. Do mesmo xeito reitera tamén que os locais que foran utilizados polo Servicio Galego de Saúde están sen uso dende agosto de 2008 -data na que foi trasladado para o novo centro- e que os departamentos onde estaba a oficina do Instituto Social de la Marina (ISM) tamén se atopan pechados desde outubro de 2008. Tamén se fai constar que desde maio de 2009 o Goberno local está remitindo regularmente solicitudes e mantendo conversas coa Tesourería Xeral da Seguridade Social para lograr a cesión de uso destas instalacións, nas que o Concello está moi interesado en poñer a disposición da sociedade.

“Parece incrible que despois do paso do tempo, dos escritos enviados e das conversas mantidas sobre este tema, nos pregunten ó Concello cal é a situación e os acordos que teñen acadados sobre un inmoble que é da súa propiedade” sinala o rexedor no seu escrito e aproveita tamén para recordar unha vez máis aos responsables da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo que o Concello desexa a cesión das instalacións da Casa do Mar para darlle utilidade pública aos distintos locais e que o Concello estaría disposto a facerse cargo do mantemento e conservación do edificio.

Exit mobile version