Nota de Prensa
ORGANIZADAS POLA FEDERACIÓN PROVINCIAL DE CONFRARÍAS DE LUGO
BURELA E CELEIRO ACOLLEN DÚAS XORNADAS TÉCNICAS SOBRE RISCOS LABORAIS NA PESCA
Esta fin de semana celébranse dúas xornadas técnicas nas confrarías de pescadores de Burela e Celeiro para a difusión da prevención de riscos laborais no sector da pesca, sobre todo en baixura, artes menores e marisqueo.
A Federación Provincial de Confrarías de Lugo, que engloba ás seis confrarías de pescadores de Lugo, organiza esta semana dúas xornadas técnicas co obxectivo de sensibilizar ao sector pesqueiro sobre a prevención de riscos laborais na pesca.
As xornadas celebraranse en Burela, o venres día 8 ás 18h30 no salón de actos da Confraría de Pescadores; e en Celeiro, o sábado día 9 ás 11h30 no salón de actos da Confraría de Pescadores de Celeiro.
As charlas serán impartidas por persoal especializado en técnicas de prevención no sector do mar da entidade “Mar Seguro de Galicia”, que colabora coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores e coas tres Federacións Provinciais. Serán actos abertos a calquera persoa interesada, pero especialmente á baixura, artes menores e marisqueo.
O obxectivo principal destas xornadas é sensibilizar ao sector sobre a necesidade de implantar políticas de prevención de riscos na pesca, incorporando a planificación preventiva nas embarcacións, explicando quen a pode facer, en que consiste e que hai que facer logo de elaborar o plan de prevención. Tamén se analizará o papel da Administración, especialmente do ISSGA (Instituto Galego de Seguridade e Saúde laboral) e da Inspección de Traballo.
Para a realización destas xornadas cóntase cunha axuda económica da Dirección Xeral de Relacións Laborais, dependente da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.