Hai quince días púideno comprobar nas páxinas dun coñecido xornal da Mariña, onde o primeiro edil de Xove arremetía contra o traballo nobre que estamos a desenvolver desde o BNG definíndonos como “parásitos” e cualificándonos de “desprezables”. Non é a primeira vez que Demetrio Salgueiro insulta a algún veciño, tal e como aconteceu hai catro anos coas vexacións que dirixiu tanto a Xesús López González (AVEXO) como a Xosé Durán Cao (BNG) e ás súas respectivas familias e achegados.
Este é un chanzo máis nunha carreira de normalidade atípica, a do insulto, onde xa adianto que non penso participar. Así e todo, cando a propia intelixencia non me permitira artellar discursos razoables, sería triste valerme da descualificación persoal pola ausencia de argumentos políticos. Non temos necesidade de perderlle o respecto a ninguén en ningunha actividade que realicemos na vida: desde o eido profesional ao familiar, pasando polo tempo de lecer e as nosas actividades de divertimento. A nosa imaxe debera ser amable acotío e o noso esforzo tería que estar dirixido a xerar benestar para a sociedade.
Perder as formas nunca foi o meu estilo e non vai comezar a selo a pesar dos ataques persoais que reciba. Un tipo de comportamento, este, ao que lle deberiamos facer o caso xusto; tanto no desprezo continuo como no eloxio excesivo. Porque supoño que o desacougo, a ansiedade ou o estrés serán a orixe das ofensas que o outro día pronunciou Demetrio.
A miña intención, desde a liberdade de poder decidir, é a de continuar cinguíndome unicamente á análise política. Ese é o meu xeito de actuar, a miña maneira de comportarme. E se non tivera máis fundamentación que o simple insulto ou a crítica das circunstancias persoais dos meus rivais, retiraríame. Sen rancor ningún. Porque confundir “persoas” con “política” é un verdadeiro desatino.
Marco López é Responsable local do BNG de Xove