Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros acollerá o 6 de novembro varios cursos de condución eficiente

Nota de prensa:
BARREIROS ACOLLERÁ O VINDEIRO 6 DE NOVEMBRO VARIOS CURSOS DE CONDUCIÓN EFICIENTE. ESTÁN ORGANIZADOS POLA FUNDACIÓN SOTAVENTO GALICIA E CONTAN COA COLABORACIÓN DO CONCELLO.

Barreiros, 27 de outubro de 2010. Barreiros acollerá varios cursos de condución eficiente o vindeiro 6 de novembro. O Concello de Barreiros en colaboración coa Fundación Sotavento Galicia iniciará unha nova proposta formativa consistente na organización e posta en marcha dunha serie de cursos encamiñados a realizar un uso máis racional dos vehículos. Esta acción pedagóxica tratará de fomentar un novo estilo de condución dos turismos, co que se obteñen diminucións medias no consumo de combustible de ata o 15 % sobre a condución convencional, mellorando ademais, a seguridade viaria e o confort.

A Fundación Sotavento Galicia ten entre os seus obxectivos principais a divulgación das enerxías renovables e o aforro e a eficiencia enerxética entre toda a poboación. Os cursos de condución eficiente na provincia de Lugo están dentro das múltiples actividades que desenvolve.

Segundo o IDAE, se todos os condutores e condutoras empregásemos as técnicas de condución económica, no noso país aforraríanse 2.555 millóns de litros de combustible, o que supón que poderían circular gratis 2,6 millóns de automóbiles e aforraríanse 2.134 millóns de euros cada ano (unha media de 136 euros por condutor). A isto hai que sumarlle os enormes beneficios medio ambientais que pode supoñer realizar unha condución eficiente. Con iso lograríase unha redución das emisións de CO2 de 6,3 millóns de toneladas, equivalentes a plantar 48 millóns de árbores en España que ocuparían o 20% da superficie da provincia de Pontevedra ou o 45% da de Guipúscoa. A isto engádese o grave problema da contaminación acústica: o ruído provocado por un coche a 4.000 rpm, equivale ao de 32 vehículos a 2.000 rpm.

O obxectivo destes cursos de condución eficiente é realizar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios e usuarias. Teñen 2 horas de duración e ofrecen contidos teórico-prácticos. Levaranse a cabo nun percorrido de aproximadamente 5 – 7 km. O curso contará con monitores expertos que explicarán as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. Os alumnos/as terán a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución eficiente no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e logo da sesión teórica.

O número de alumnos/as por vehículo será como máximo de catro. As roldas de condución serán de quince minutos por persoa, segundo a organización.
O curso complétase coa entrega de material de apoio, no que se inclúe un manual de condución eficiente e un folleto informativo no que se explican os principais criterios e vantaxes da condución eficiente, así como un diploma acreditativo da participación no mesmo. Os cursos son completamente gratuítos e están dirixidos ás persoas que empreguen o vehículo privado habitualmente. O único requisito é levar o orixinal e unha fotocopia do permiso de conducir o día do curso.

A proposta, encádrase dentro das medidas de uso máis eficiente dos medios de transporte, no Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España (E4) que canaliza o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) a través do INEGA.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

O Concello de Barreiros levará a cabo estes cursos o 6 de novembro de 2010. Calquera persoa ou entidade interesada deberá inscribirse a través do teléfono 982 12 40 02.

Exit mobile version