Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o PP que goberno de España non creou o Xulgado de Ribadeo solicitado pola Xunta no 2008

Nota de Prensa

Jose Manuel Balseiro fai público un escrito dirixido polo Ministerio de Xustiza á Xunta que deixa en moi mal lugar ao socialista Caamaño, ao por de relevo o bloqueo do Executivo de Zapatero a esta tan demandada reivindicación.

O MINISTRO DE XUSTIZA MENTIU DOBREMENTE:

o O Goberno central non creou o Xulgado de Ribadeo a pesares de que a Xunta teno solicitado desde novembro de 2008

o O Goberno central fai depender a creación deste xulgado da reforma dunha lei estatal, a de demarcación e planta xudicial

A Mariña, 15 de outubro de 2010.- O deputado do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, deu a coñecer no día de hoxe unha carta que deixa en moi mal lugar ao ministro socialista Francisco Caamaño xa que demostra que mentiu dobremente cando nas súas últimas declaracións públicas pretendeu responsabilizar á Xunta de que hoxe Ribadeo aínda non dispoña do seu xulgado.

Na misiva, que o Ministerio de Xustiza enviou á Xunta en decembro do ano 2008, o propio Goberno central facía depender a creación do novo xulgado de Ribadeo da reforma dunha lei estatal, máis en concreto, da Lei de demarcación e planta xudicial. Dado que só o Estado ten competencias para abordar este reforma normativa queda acreditado, segundo explican desde o PP, que o bloqueo na creación deste xulgado é responsabilidade exclusiva do Goberno de Zapatero e, polo tanto, que son os socialistas os que están a impedir que hoxe teñamos este novo xulgado que demandan tanto a sociedade civil como traballadores do ámbito da administración de xustiza, avogados e procuradores.

A segunda das falsidades nas que incorreu o ministro foi negar que a Xunta ten solicitada a creación deste partido xudicial. De feito a solicitude formal xa se efectuou en novembro do ano 2008, como a propia misiva recoñece, e desde entón a Xunta agarda un pronunciamento favorable do Executivo de Zapatero. Naquel momento, a Xunta efectuou a devandita petición forzada polas presións que o Partido Popular e a sociedade civil estaban a efectuar para oficializar a solicitude do novo xulgado.

UN FUTURO NADA CLARO

A carta afirma ademais que un dos obxectivos do Goberno de Zapatero é precisamente acometer nesta lexislatura a pretendida “revisión” da lei de demarcación e planta xudicial e, polo tanto, da normativa que establece o mapa de xulgados e tribunais en España. Desafortudamente o Ministerio que dirixe o socialista Francisco Caamaño non só condiciona a esta modificación legal a creación do novo partido xudicial de Ribadeo, senón tamén, indica que, feita esta reforma, “se analizará todos os datos, factores e circunstancias concorrentes, a fin de determinar a necesidade e oportunidade da mesma”. Isto é nin tan sequera garantiza neste caso, a creación do xulgado. A carta non establece un compromiso explícito e, polo tanto, tampouco o futuro desta petición queda nada claro.

Jose Manuel Balseiro lamentou as mentiras protagonizadas polo Ministro e emprazoulle a e en particular, e aos socialistas en xeral, a actuar con valentía e a explicar “sen enganos e dicindo a verdade” as razóns polas que hoxe continúan a negar que Ribadeo dispoña do novo xulgado. “Se hoxe non dispoñemos desta nova sede xudicial é simplemente, porque o PSOE non quere, non ten vontade de facelo” Reclámalles, en definitiva, que expliquen este cambio de postura e as razóns polas que non existe vontade no Goberno central socialista para levar adiante esta promesa.

O ALCALDE DESORIENTADO

Tamén dirixe o deputado popular palabras de censura para o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernándo Suárez, de quen afirma “non é un bo rexedor cando descoñece a porta a que ten que chamar para lograr a creación do novo xulgado”. Jose Manuel Balseiro insiste en que é a administración do Estado quen ten na súa man esta posibilidade e esta competencia e, polo tanto “sería fronte ao Ministerio de Xustiza onde o rexedor debera negociar para conseguilo”. A misiva feita pública polos populares conclúe de xeito certo que a Xunta xa cumpriu o seu papel propoñendo a creación do xulgado e que agora, conseguilo, depende exclusivamente do Executivo de Zapatero, unha responsabilidade que o PSOE, e o propio ministro Caamaño, pretendía eludir

Exit mobile version