Site icon Crónica3.com A Mariña

Sargadelos acolle a actuación de Xograresca, con contos e relatos das tres culturas

Nota de prensa:
PROGRAMACIÓN CULTURAL NO MUSEO HISTÓRICO DE SARGADELOS

Xacobeo 2010 – Xunta de Galicia – Concello de Cervo

Casa da Administración de Sargadelos

* VENRES 8 DE OUTUBRO, ÁS 12 HORAS:

ACTUACIÓN do Grupo XOGRARESCA con Cantos e Relatos das tres culturas.

Xograresca son:

o María Giménez: canto e percusión
o Andrés Díaz Pazos: viola de man e frautas renacentistas
o Diego Rojo Garrido: laúde
o Charo Pita: canto e narración

Xograresca presenta un programa de músicas e historias contadas da man da cantante e actriz Charo Pita, unhas músicas que, malia pertenceren a tres culturas separadas irremisiblemente ao final da Idade Media, a cristiá, a xudía e a musulmá, compartiron e intercambiaron repertorio grazas aos arranxos dos compositores renacentistas e á maxia da tradición oral.

Os músicos integrantes do grupo Xograresca posúen unha formación musical especializada en música antiga e tradicional e interpretan os seus programas tanguendo instrumentos de época con técnicas orixinais.

Charo Pita é actriz, cantante e contadora de historias, tanto por escrito coma de xeito oral.

Estudou Filoloxía Hispánica e Teatro con mestres coma Mercedes DíazChópite, Theodor Smeu Stermin, Alberte Cabarco e Carlos Álvarez-Osorio; Canto con Bruno Boterf e Laura Alonso; Percusión Medieval con Bruno Caillat, e Expresión Corporal e Dirección de Escena con Borja Cortés.

Desde 1994 traballa como narradora oral actuando nos festivais máis importantes de España e Portugal, así como ofrecendo obradoiros para a formación de novos contadores. O seu labor como narradora especialízase na creación de espectáculos onde se mesturan os relatos coa música. Deste afán investigador xorde o grupo Decamerón & Cía, no que, xunto cos músicos María Giménez, Valentín Novio e Xurxo Varela, realiza a montaxe contístico-musical O xuízo da adúltera Filipa, na que se toma como referencia O Decamerón de Boccaccio e o Conde Lucanor do Infante don Juan Manuel para elaborar, a través dunha escenografía “sonora”, a recreación dunha selección de historias inseridas nestes libros. Baseado neste xeito de concibir a narración, aparece, tres anos máis tarde, Miniaturas medievais, lais bretóns de María de Francia e anónimos, narrados e acompañados pola arpa de Manuel Vilas.

Actualmente, no campo da oralidade, colabora tamén co contador inglés Tim Bowley, co que realiza espectáculos bilingües. Ademais, Charo Pita desenvolve a súa actividade no campo da interpretación e da dirección teatral, e ten publicados artigos e libros de contos (Igor, editorial Kalandraka, 2001; Alguien de alguna parte, Brosquil, 2006; A la sombra del cuento, ed. Palabras del Candil, 2007). No ano 2001 gañou o premio Espiral Maior de Poesía co libro Desde Arcadia para Govinda. Forma, ademais, parte do grupo Malandança, no que participa tanto na faceta de cantante coma na de narradora, e con el gravou o disco Unha noite na corte do rei Afonso con cantigas de Sta. María.

Exit mobile version