Nota de Prensa
A XUNTA MODIFICA O SISTEMA DE IDENTIFICACIÓN ANIMAL PARA FACELO MÁIS EFICIENTE E SEN CUSTE PARA O GANDEIRO
A Xunta aposta pola trazabilidade e a seguridade alimentaria cunha identificación animal eficiente e sen custe para o gandeiro
* Samuel Juárez explicou as principais modificacións que se van levar a cabo para mellorar os procedementos de identificación, sempre dentro da norma comunitaria e de acordo co que se fai na meirande parte de España e a UE
* A partir de agora os gandeiros poderán realizar a identificación de xeito totalmente gratuíto, cousa que ata o momento non era posible
Santiago, 26 de outubro de 2010.- A Xunta de Galicia aposta por garantir a sanidade animal, a trazabilidade e a seguridade alimentaria coa mellora dos procedementos de identificación do gando para facelos máis eficientes e sen custe para o gandeiro. Así o explicou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, en rolda de prensa, na que estivo acompañado polo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo. Juárez deu a coñecer as principais modificacións que se van levar a cabo para mellorar este sistema, e insistiu en que, con elas, en todo momento se cumpre a normativa comunitaria e que este procedemento utilízase xa en moitas comunidades autónomas españolas, así coma noutros países da Unión Europea.
O titular do Medio Rural quixo desmentir con estas explicacións as afirmacións –que cualificou como tendenciosas e irresponsables– segundo as cales este sistema, baseado no uso de novas tecnoloxías, na optimización dos recursos públicos e na gratuidade para os usuarios, pode poñer en risco a sanidade, a seguridade alimentaria ou a trazabilidade.
O conselleiro aclarou ademais, en contra do que se ten afirmado estes días desde determinados ámbitos, que o novo procedemento non ten porque facerse unicamente a través de internet. Pódese realizar telefonicamente, por medio do número 012 e os gandeiros que decidan seguir este método poden apoiarse nas cooperativas, entidades de acompañamento ou ADS (Asociacións de Defensa Sanitaria), sen perxuizo de que a xestión se poida facer, ademais, na Oficina Agraria Comarcal correspondente.
Normativa comunitaria
Cómpre lembrar, en relación coa identificación por parte dos titulares das explotacións, que desde 2004 a normativa comunitaria establece que “os posuidores de animais estarán autorizados a adquirir por adiantado, se así o desexan e é conforme ás disposición nacionais aplicables, unha cantidade de marcas auriculares adecuada ás súas necesidades durante un período máximo de un ano”.
En Galicia, tendo en conta as peculiaridades da estrutura pecuaria da Comunidade, optouse na última década pola implantación dun sistema organizativo garantista que se sustentou na colaboración de persoas veterinarias autorizadas a tal fin, conseguindo un alto grao de eficacia, pero cun custe económico moi elevado (próximo aos 5 millóns de euros ao ano), ao que hai que engadir o que viña pagando o gandeiro (2,6 euros por identificación). Este sistema non é sostible, polo que a Xunta asumiu a obriga de facelo sen custe para o produtor, mantendo as mesmas garantías e contando cos servizos veterinarios oficiais.