Nota de prensa:
A TRADESCOLA INICIA AS AULAS DE MÚSICA E BAILE TRADICIONAL CON PRETO DE DOUSCENTOS ALUMNOS MATRICULADOS
A matrícula da Tradescola permanecerá aberta ata finais de Outubro
LUGO, a 11 de outubro de 2010. O mércores 13 de outubro comenza un novo curso da TRADESCOLA, o centro de ensino da música e do baile tradicional xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, entidade asociativa que representa á xente relacionada coa música e o baile tradicional de todo o país. A Asociación de Gaiteiros Galegos é a única entidade asociativa de carácter galego que aglutina, entre os seus asociados e asociadas, a persoas vencelladas á música e o baile tradicional nos seus diferentes eidos. Esta asociación conta hoxe con máis de 800 socios en toda Galiza e no resto do mundo.
A Tradescola, situada na cidade de Lugo, é un centro de formación especializado, cunha proposta educativa destinada a que o alumnado adquira unha formación integral na música e no baile tradicional. A maiores das aulas impartidas no centro, coa intención de complementar a formación do alumnado, e no seu afán de incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego na sociedade actual, impártense cursiños monográficos, concertos didácticos e realízanse outras actividades relacionadas coa difusión da cultura tradicional como conferencias, exposicións… O obxectivo é ofrecer formación a todas as persoas interesadas na música tradicional e poder colaborar con asociacións de toda a provincia, a través da realización de outras actividades relacionadas co ensino da música e baile tradicionais. A actividade da escola, aínda que centrada en Lugo, trasládase así, a través de diversas accións formativas, ás distintas comarcas da provincia.
Máis información
Mónica Fernández
Coordinadora da Tradescola
982229966