Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada de Servizos Sociais aclara que a Xunta non resolveu en tempo valoracións de dependentes de Burela

Nota de Prensa

NEVES CANDO ASEGURA QUE O VOCEIRO DO PP NO CONCELLO NON SE ENTERA DE NADA DO QUE PASA EN BURELA E DI QUE SON FALSAS AS ACUSACIÓNS SOBRE A SUPOSTA DEVOLUCIÓN DE 50.000 EUROS Á XUNTA DUNHA SUBVENCIÓN QUE NON FOI GASTADA.

Burela, 6 de outubro de 2010. A concelleira de Benestar Social, Neves Cando, asegura que o voceiro do PP non se entera de nada do que pasa en Burela e di que son falsas as súas acusacións sobre a suposta devolución de 50.000 euros á Xunta dunha subvención que non foi gastada.

A tenente de alcalde de Burela considera que “a base destas acusacións totalmente falsas é a falta de dedicación do PP e neste caso do seu portavoz ás cuestións municipais de Burela. O señor Barcia déixase caer polo noso pobo só un par de veces ao mes porque o resto do tempo está facéndose valer en Lugo para amarrar o seu posto dentro do partido porque candidatos a substituilo parece ser que xa hai e así que non peligre a súa silla na Deputación”.

Neves Cando engade que “como non se entera de cómo funcionan as cousas despois lee un papel e saca as súas propias conclusións erróneas e falsas que verque á luz pública para enganar aos veciños e veciñas de Burela. Estóume referindo ás informacións sobre o servizo de axuda no fogar do Concello acusándonos de ter que devolver cartos por non gastalos e isto é falso, pero como o señor Barcia non se entera eu vóullo explicar para que non siga a meter a pata. A Xunta ao abeiro da lexislación que regula a dependencia e porque así o marca a lei concedéulle ao Concello de Burela 87.000 euros para atender aos nosos dependentes durante o ano 2009. Problema, a concesión destes cartos véunos comunicada a finais de outubro do ano pasado e moitas resolucións dos programas individuais de atención para estes dependentes, onde se fixan as horas que se conceden para o servizo de axuda no fogar, chegaron aínda máis tarde entre novembro e decembro, co cal é imposible ofrecer un servizo que aínda non estaba concedido”.

Servizo trasladado a Lugo

A edil nacionalista subliña que “a Xunta de Galicia programou unha cuantía económica de 87.000 euros para 17 dependentes para o 2009, porque estas cantidades xa veñen marcadas por lei, pero non deu resolto algunhas valoracións a tempo para que nós desde o Concello puidésemos ofrecerlles ese servizo de axuda no fogar e a esto hai que engadir que por falecemento algunhas destas persoas causaron baixa durante o ano. Entón a aportación económica para o 2009 que non se chegou a gastar incorpórase ao montante de 2010 e fáise unha regularización de efectivos que xa está contemplada na propia lei, polo tanto señor Barcia antes de falar entérese ben do que fale e en tal caso denuncie públicamente que os seus compañeiros da Xunta de Galicia non cumpren a tempo as súas obrigas na valoración da dependencia, un servizo que antes se ofrecía en Burela e que o PP na Xunta trasladou a Lugo co conseguinte trastorno para todos os veciños que deben ser valorados”.

Neves Cando insiste en que “en materia de servizos sociais o PP non ten nada que dicir porque desde o Concello de Burela se está a facer un grande esforzo por ampliar o servizo de axuda no fogar, agora mesmo temos 10 traballadoras municipais e un servizo externo que cobre fins de semana e festivos. Estamos traballando para facer deste servizo algo asequible á economía das nosas familias, o noso regulamento de taxas de axuda no fogar fixa a cantidade de 9 euros por cada hora, cando a propia Xunta o cuantifica en 12 euros/hora, co cal aos nosos dependentes lles sae moito máis barato que a concellos veciños. E Burela fai unha última aposta polos servizos sociais co obradoiro de ximnasia preventiva para os nosos maiores e o servizo de fisioterapia que ofrecemos desde o mes de febreiro”.

Exit mobile version