Site icon Crónica3.com A Mariña

A oferta cultural de Ribadeo en outono inclúe teatro, ópera, exposicións, cine e máis actividades

Nota de Prensa

OS RIBADENSES DISFRUTARÁN DE TEATRO PROFESIONAL E AFECCIONADO, ÓPERA, EXPOSICIÓNS E CINE NO ÚLTIMO TRIMESTRE DESTE ANO. HOXE FOI PRESENTADA A PROGRAMACIÓN CULTURAL DO CONCELLO.

Ribadeo, 21 de outubro de 2010. A axenda cultural do último trimestre de 2010 traerá a Ribadeo teatro profesional e afeccionado, ópera, exposicións, cine e moitas actividades para os máis pequenos.

Na presentación da programación a concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que “aínda que estamos en época de crise e tentamos axustar ao máximo os presupostos, pensamos que a cultura é algo moi importante, que Ribadeo ten unha tradición cultural moi importante e desde logo non podemos deixala de lado. A pesares de todo tentamos manter a liña da programación cultural que viñemos facendo ao longo dos últimos anos”.

A edil nacionalista asegurou que “mantemos todos os ciclos, teremos teatro profesional no mes de novembro. A compañía de Celso Parada, Teatro do Morcego porá en escea dous clásicos da literatura. O 7 de novembro poderemos disfrutar de O Lazariño de Tormes e o día 28 de novembro Os vellos non deben namorarse de Castelao. As obras serán ás 20:30 horas no auditorio municipal co prezo que xa temos estipulado de anos anteriores. Tamén haberá teatro afeccionado que chegará a Cinxe. O grupo Axóuxeres de Foz representará Os cravos de prata. E no auditorio municipal de Ribadeo estará o grupo de teatro do Concello de Sada o 19 de decembro”.

Álvarez Lastra subliñou que “sempre temos unha especial atención para os máis pequenos, xa se está a desenvolver a animación á lectura na biblioteca municipal os sábados ás cinco e media da tarde. O plato máis forte será nas vacacións de nadal, no tempo de lecer dos nenos, onde van poder disfrutar de maxia e de teatro. Agora en breve, o 1 de novembro, imos seguir coa tradición do Samaín dado o éxito do ano pasado. Ese día haberá un taller de cabazas que se vai desenvolver na oficina de turismo vella a partires das cinco e media da tarde”.

A concelleira de Cultura engadiu que “un dos actos máis destacados para os nenos e para as súas familias vai ser que poderemos disfrutar dun xénero musical e artístico que non estamos moi acostumados a escoitar como é a ópera. O día 31 de outubro ás seis e media da tarde no auditorio municipal a compañía Bengala Produccións porá en escea Livieta e Tracollo de Pergolesi. É unha oportunidade que hai que aproveitar para achegar a persoas de todas as idades a este xénero”.

Mariluz Álvarez segueu a relatar que “haberá exposicións, coma sempre, e teremos unha especial atención para a zona rural co ciclo Máis preto de ti. Este trimestre visitaremos as parroquias de Piñeira, Rinlo, Cinxe e Piñeiro, unhas da costa e outras do interior. Esta fin de semana váise proxectar a película Os mortos van á presa. Será o venres 22 de outubro na escola de Piñeira e o sábado 23 en Rinlo, nos dous casos ás oito e media da tarde”.

Exit mobile version