Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña multiplica por catro o paro que se dá no conxunto de Galiza, asegura o BNG

Nota de Prensa

A Mariña multiplica por catro o paro que se dá no conxunto de Galiza

O BNG denuncia que o paro aumentou na zona nun 10,67 nun ano

A publicación dos dados de emprego do mes de setembro demostran un peor comportamento da Comarca da Mariña en relación coa media galega e do conxunto do estado, e de xeito moi particular como se acelera a destrución do emprego na Comarca da Mariña. Segundo Antonio Veiga “que o número de parados se sitúe no ámbito da Mariña en 4.168 persoas, cun aumento do 9,51 no último mes, moi por riba do 4,66 do total da Provincia e do 2,16 do conxunto de Galiza ten que ser un motivo central de preocupación. Pensemos que A Mariña multiplica por dous a destrución do emprego que se dá no total da provincia e por máis de catro a que se dá no conxunto de Galiza. Aínda máis este peor comportamento do emprego da Mariña no último mes, ven acompañado tamén polos dados a nivel interanual, posto que no último ano aumentou na Mariña nun 10,67% fronte a un 7,80% no conxunto de Galiza”

Na totalidade dos sectores aumenta o desemprego por riba da media de Galiza

O Bloque Nacionalista Galego denunciou tamén que no último ano A Mariña perdeu emprego na totalidade dos sectores da actividade económica, agás na gandería, e tamén neste caso a destrución de emprego e maior a media galega. A este respecto debese ter en conta o aumento do paro na construción no último ano nun 22,07% fronte ao 8,25 que se dá en Galiza, na industria nun 6,28% fronte ao 5,21% que se dá en Galiza ou no sector servizos onde tamén aumenta o desemprego nun 2,99%.Veiga advertiu “que estes dados só se refiren a poboación asalariada e que aquí non están recollidos o emprego que se perdeu naqueles traballadores por conta propia, onde os dados tamén son para votarse a tremer. Mesmamente non debemos esquecer que a poboación activa da comarca é cuantitativamente inferior en número ao da media galega, ao contar cunha pirámide invertida, e tamén non deixa de ser chocante que co noso tecido industrial, un tecido non comparábel, as grandes áreas urbanas de Galiza a destrución de emprego aquí sexa maior”.

A parálise en infraestruturas como a A-8 non vai significar mais destrución de emprego na comarca.

O Portavoz Comarcal dos nacionalistas non quixo deixar pasar por alto a destrución de emprego na construción “que non podemos achacar a un fenómeno estacional, posto que se mantén constante ao longo de todo o ano, e que mesmamente vai aumentar de xeito considerábel a medida que vaian rematando programas como o Plan E ou outros que se estiveron desenvolvendo a cargo de fundos públicos.Os orzamentos públicos que están a reducir os investimentos en infraestruturas van ter un forte impacto na nosa zona, pensemos só o que vai significar a paralización da Autovía do Cantábrico, a redución de fondos para o Corredor por parte da Xunta ou os limites ao endebedamento nos orzamentos municipais”. Os nacionalistas criticaron que mentres o Estado socorre sen ningún tipo de pudor a banca e aos grandes grupos económicos, socializando as perdas, deixa tirados a miles de traballadores, xa sexan autónomos ou asalariados, posto que a ausencia de liquidez é un elemento central nesta situación.

Complicidade da Xunta con Feijoo de paellas por Cataluña e Balseiro axudando a mandar aos seus veciños e veciñas ao paro.

O Bloque Nacionalista Galego denunciou a complicidade da Xunta de Galiza con esta situación ao non poñer enriba da mesa alternativas que permitan criar emprego e que sexa colaborador activo a hora de mandar a rúa a centos de traballadores. “Núñez Feijoo afirmou que no caso de ser Presidente da Xunta remataría en tres meses co paro, leva un ano e medio no cargo e este non fai máis que aumentar. A Xunta está desaparecida na crise e na contra de estar apoiando alternativas para as persoas que o están pasando mal andan cociñando paellas en Cataluña no mellor dos casos e nas máis das veces dándolle o visto bo a ERES como o de Sargadelos que vai mandar a rúa a máis de 26 veciños nosos” afirmou Veiga quen esixiu “medidas concretas que garantan emprego e que non empeñen proxectos con futuro e que do único que carecen é de liquidez. Sería bo que o Sr. Balseiro que xa nos ensinou en Sargadelos que é todo unha garantía a hora de defender o emprego dos seus veciños de Cervo, que explicase onde está o IGAPE na Mariña, ou por que se retarda a apertura dun centro como a residencia de Viveiro, construído pola Vicepresidencia da Xunta e que vai xerar sobre 80 empregos, ou por que non se dotan fundos para o Centro Residencial de Día en Foz que crearía 50 empregos”.

Os nacionalistas mostráronse convencidos de que nos espera un segundo semestre de ano e un 2011 aínda máis negros na Mariña cun aumento do desemprego moito máis agudo que o que se deu até agora. “E a pescada que se morde a cola, a menos persoas traballando, menor poder adquisitivo e xa que logo menor consumo” rematou Veiga que alertou “sobre a riada de feches de pequenos negocios na Mariña, fundamentalmente no sector servizos e tamén da construción, así como a presentación de novos ERES que van minguar a capacidade económica da zona”.

Exit mobile version