O martes pasado, día do Pilar, foi festa na Espiñeira, barrio de Vilaronte, situado ó remate do curso do río Masma, antes da súa desembocadura que, coa do Centiño, forman a ría de Foz. O espacio xeográfico é compartido, na súa beira oriental con Barreiros. O lugar foi, en tempos pasados, importante núcleo de actividade industrial e comercial: aserradoiros, talleres, muiños, almacéns comerciais diversos, tendas, exportación de madeiras e asteleiros e cuxo esplendor pode situarse nos primeiros anos do século pasado; daí que o 8 de setembro de 1913 o concello de Foz remitise unha solicitude ó Ministro de Fomento interesando a construcción dun muelle para depósito de mercadurías, pedindo tamén que se anunciara a subasta da vía que comunicaría o porto coa estrada de Ribadeo a Viveiro. Das embarcacións construídas naquel paraxe quedou memoria a solemne botadura do barco “Espiñeira-Mondoñedo”. O acto foi todo un acontecemento social, do que participou unha multitude de persoas “realzado por la presencia de bellísimas señoras y señoritas, elegantemente ataviadas. Parecía un jardín de frescas y lozanas flores, en medio de la umbría, perdidas entre riscos”. A bordo foi servido un espléndido “lunch”, do que se encargou o focego Jesús Cageao, “Papaíto”, e alí correron o café e os licores; doces, pastas, chartreuse, xerez, coñac, champagne, refrescos, habanos, todo con gran prodigalidade, “sin distinción de personas ni de clases”, para rematar cun baile para a mocidade, amenizado pola comparsa e a banda. Era o día 10 de setembro de 1920. Hai xustamente 90 anos.
Foi éste, O Espiñeira, un fito na historia da construcción naval en Foz que quedou, como xa dixemos, na memoria popular. O noso dilecto amigo Suso do Siñeiro, no seu fermoso libro “Caminos y Caminantes”, dí: “ Ahora (na Espiñeira) quietud y silencio. Tal vez, recreando los versos del poeta del Masma, “el silencio se oye / y él llama a la reflexión”, el silencio se escuche y el lugar vuelva a ser fiel reclamo de aquella època dorada que finalizó en los años sesenta”. Tal vez…
Suso Fernández