Site icon Crónica3.com A Mariña

A escola de Imaxe da Deputación cubriu todas as prazas dos ciclos formativos que ofrece

Nota de prensa:
A Escola de Imaxe da Deputación cubriu por 2º ano consecutivo todas as prazas dos ciclos formativos que ofrece

– Gómez Besteiro e Álvaro Augustin, Director Xeral de Telecinco Cinema, inauguraron o curso académico 2010-2011 da TIC, que dispón de 44 prazas e 2.000 horas lectivas

– Augustin, produtor de tres das catro películas máis taquilleiras de España: Celda 211, Ágora e Spanish Movie, compartiu cos alumnos unha visión cualificada e realista do panorama do cine neste país

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, e o Director Xeral de Telecinco Cinema, Álvaro Augustin, inauguraron este luns o curso académico 2010-2011 da Escola de Imaxe e Son de Lugo, dependente do organismo provincial. A EIS, o único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas de formación profesional da familia da Comunicación, cubriu este curso, por segundo ano consecutivo, o 100% das prazas para cursar os ciclos superiores de Realización e Produción de Audiovisuais.

Gómez Besteiro subliñou que “hay mucha gente que quiere estudiar en la TIC y no puede porque se agotaron las plazas; lo que os da una mayor dosis de responsabilidad”. Neste senso, destacou que “tenéis el privilegio de poder estudiar lo que es os gusta en Lugo y ya no tenéis que marchar a Coruña, Vigo o Madrid para hacerlo. Aprovechad esta gran familia que encontraréis en la Fundación TIC”.

O curso académico 2010-2011 dispón de 44 prazas, 22 para cada un dos módulos, que están dotados con 2.000 horas lectivas e dous anos formativos cada un. O número de solicitantes no módulo de Produción aumentou un 100% e un 18% no de Realización con respecto a hai sete anos, data na que o Centro iniciou a súa actividade. En 2009 foi o ano no que, por primeira vez, se cubriron todas as prazas e no que, debido o aluvión de demandantes, houbo unha ampla lista de espera. En total, máis de 125 alumnos cursaron os seus estudos neste centro educativo dende 2003.

Inserción laboral dos alumnos

Unha das prioridades da Fundación é desenvolver novas fórmulas que faciliten a inserción laboral dos estudantes. Na actualidade, a Fundación TIC mantén relación con máis de 60 empresas nacionais e mantén convenios de colaboración cunha decena de entidades sociais, para difundir o seu labor sen ánimo de lucro. A través destas colaboracións, a Deputación de Lugo dá un novo impulso á relación que a EIS mantén co sector empresarial para a realización de prácticas dos seus alumnos e na procura da súa inserción laboral ó remate dos seus estudos.

Produtor da películas máis taquilleiras do cine español

Para este comenzo de curso, e para achegar ós alumnos unha visión cualificada realista do panorama do cine en España, Álvaro Augustin mantivo un encontro de traballo cos alumnos da EIS no que aportou a súa experiencia e coñecemento na produción cinematográfica e as claves para determinar os factores decisivos para acadar éxitos. No ano 2009, o Director Xeral de Telecinco Cinema foi o produtor de tres das catro películas máis taquilleiras do cine español: Celda 211, Ágora e Spanish Movie.

Augustin é Diplomado en Marqueting e xestión de empresas (MBA) e ten realizado un Master en Dirección de empresas de televisión polo IEEA. En 1987 comeza a súa carreira no mundo da distribución de programas de televisión, representando ás compañías NBC, Viacom, Orion e Lorimar. En 1990 incorpórase a Canal +, traballando para o departamento de programación como axudante e posteriormente como programador e xefe de emisións, incorpoprándose un ano despois a Telemadrid, concretamente ós departamentos de programación e produción allea. En 1993 participa na fundación de GECA, onde desenvolve labouras de director de Teleformat.

Na actualidade é Director Xeral de Telecinco Cinema e é responsable dalgúns dos máis ambiciosos e exitosos proxectos da cinematografía española dos últimos anos. El laberinto del fauno, Alatriste, El orfanato, Che, El Argentino, Ágora ou Celda 211 son algúns dos títulos que permitiron á factoría de Telecinco acadar innumerables premios e éxitos de vendas internacionais. Celda 211, protagonizada polo lucense Luis Tosar e realizada en coprodución coa empresa galega Vaca Films, vén de ser seleccionada para participar na carreira ós Oscars na vindeira edición.

Telecinco Cinema xa recibiu tres galardóns da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas por Laberinto del fauno en 2006. Estes días preséntase no festival de Sitges Agnosia, protagonizada por Eduardo Noriega e Bárbara Goneaga, un novo proxecto de Telecinco Cinema, que se estreará o vindeiro 5 de novembro.

Exit mobile version