Site icon Crónica3.com A Mariña

A dirección xeral do Patrimonio e a Deputación acordan a posibilidade de recuperar a ponte de Arante

Nota de prensa:
A DIRECCIÓN XERAL DO PATRIMONIO CULTURAL E A DEPUTACIÓN DE LUGO ACORDAN A POSIBILIDADE DA RECUPERACIÓN DA PONTE DE ARANTE RESPECTANDO A SÚA ESTRUTURA ORIXINAL

* Segundo o tratado na xuntanza entre representantes de ámbalas dúas administracións e técnicos independentes, o organismo provincial deberá presentar un novo proxecto de rehabilitación da construción, seguindo as indicacións de Patrimonio, e sufragar o seu posterior arranxo

Lugo, 28 de outubro de 2010.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e a Deputación de Lugo mantiveron hoxe unha reunión na que tamén participaron técnicos independentes, alleos aos dous entes, para determinar a mellor opción para o arranxo da citada ponte.

Nesta xuntanza foi exposto un informe de especialistas independentes que constataban que resulta viable a opción de recuperar a devandita ponte situada no trazado do Camiño de Santiago, respectando as características orixinais da mesma. No mesmo estudo amosábanse tamén as liñas básicas para proceder a rehabilitación da ponte.

Deste xeito e segundo o tratado na xunta, a Deputación deberá presentar un proxecto no que se contemple a rehabilitación da Ponte de Arante, respectando os materiais e a estrutura básica da construción e posteriormente será a encargada de sufragar a execución das obras conseguintes. Ese foi o acordo alcanzado logo da reunión mantida hoxe entre representantes de ámbalas dúas administracións e

Do mesmo xeito a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural asegurou que o custo de construción dunha nova ponte e o custo de demolición da ponte de Arante, sería practicamente similar. Asemade, os técnicos da Dirección Xeral estableceron que a Deputación nunca declarou inservible a ponte, xa que non paralizou a súa viabilidade. Así, desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural establécese que a rehabilitación da ponte de Arante non representaría un gasto excesivo e repercutiría positivamente no patrimonio cultural galego.

Este acordo ven a coincidir co argumentado desde un primeiro momento pola Dirección Xeral de Patrimonio. De feito, durante o mes de xullo, o departamento autonómico, logo de estudar o proxecto presentado pola institución provincial para o arranxo da ponte ribadense e considerando as observacións dos técnicos do Comité Asesor do Camiño de Santiago, plantexaba como a opción máis axeitada a de conservar a estrutura de fábrica da construción, procedendo a reforzar a mesma.

Con carácter previo, vai xa para cinco meses, os informes técnicos da propia Consellería de Cultura tamén rexeitaran demoler a construción como pretendía a Deputación, incidindo ademais no feito de que os materiais propostos pola Administración provincial para a nova obra non eran acordes co contorno no que se atopa, á beira do Camiño Norte e a uns 15 metros da capela das Virtudes, unha edificación inventariada como ben patrimonial.

Exit mobile version