Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación ten en execución o 98% do orzamento do programa medioambiental LugO2

Nota de prensa:
A Deputación ten en execución o 98% do orzamento do programa medioambiental Lug02

– Grazas a esta iniciativa desenvolvéronse medidas como os cursos para diminuír a carga gandeira das explotacións, as bolsas para xóvenes en países de Europa, ou o Sistema de Información Xeográfica (SIX) que será presentado proximamente

– José María Arias subliña que “Lugo é o pulmón do medio ambiente en Galicia, polo que dende que chegamos ó goberno fomos conscientes de que é a oportunidade económica da provincia”

– O Salón de Actos acollerá a partir do 15 de novembro o encontro “Conservación do Medio Ambiente en Galicia” organizado pola RAGC e patrocinado pola Deputación

– O Plan Estratéxico revela a importancia da conservación medioambiental, xa que dos máis de 200 tipos de hábitats de interese comunitario que existen en España, uns 70 están na provincia

O Deputado de Gandeiría, José Maria Arias, e o membro da Real Academia Galega das Ciencias, Antonio Rigueiro, presentaron este xoves a vixésimo primeira edición do ciclo de conferencias “Conservación do Medio Ambiente en Galicia”, que se desenvolverá a partir do 15 de novembro no Salón de Actos da Deputación. Arias subliñou que “Lugo segue a ser e é un pulmón verde dentro de Galicia moi importante, polo que dende que chegamos á Deputación fomos conscientes de que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia. Isto demostrámolo con iniciativas como Lug02”, o programa europeo co que o organismo provincial impulsa a economía da provincia e co que puxo en valor das Reservas da Biosfera e a Comarca do Courel.

Neste senso, anunciou que dos 5 millóns de euros de orzamento, están en execución o 98%. Grazas a este programa puxéronse en marcha iniciativas como os cursos destinados a diminuír o impacto da carga gandeira das explotacións, 18 bolsas para xóvenes en países de Europa e empresas da provincia, ou o Sistema de Información Xeográfica (SIX) que o organismo provincial presentará proximamente e que proporcionará información ambiental e cultural da provincia como rutas de sendeirismo, ciclismo, establecementos hostaleiros, meteoroloxía, eventos festivo, etc. Precisamente, un dos temas do encontro é a conservación das árbores senlleiras de Galicia, e no SIX tamén se poderán consultar as especies deste tipo que se atopan na provincia.

A conservación do medio ambiente segundo o Plan Estratéxico

A importancia da conservación medioambiental é unha cuestión que tamén revela o primeiro Plan Estratéxico da provincia que elaborou a Deputación, “dado que contamos cunha grande riqueza patrimonial e paisaxística, a xoia verde por excelencia de Galicia que debemos preservar e poner en valor. Non hai máis que esquecer que máis da metade do territorio está declarado pola UNESCO Reserva da Biosfera”. Deste xeito, dos máis de 200 tipos de hábitats de interese comunitario que existen en España, uns 70 están na provincia de Lugo.

O documento tamén pon de relevo que Lugo é a provincia galega que conta co maior número de prantas nativas. Alberga máis de 1.700, ocupando sen embargo o segundo lugar despois de Ourense en relación co número de vertebrados nativos con preto de 300 especies. En canto ó estado da biodiversidade, o Plan Estratéxico evidencia a incidencia do cambio nos ecosistemas lucenses, que supuxeron nas últimas décadas unha diminución moi significativa da superficie ocupada por hábitats naturais. Pola contra, increméntanse as áreas ocupadas por medios artificiais e as especies exóticas de carácter invasor. Estas últimas, constitúen hoxe en día, un dos problemas máis acuciantes no mantemento do estado ecolóxico do territorio, afectando tanto a medios acuáticos como terrestres.

Programa das conferencias

O ciclo de conferencias enmárcase da colaboración que Deputación e Real Academia Galega das Ciencias manteñen dende hai anos. As conferencias adéntranse en temas relacionados coa conservación do medio ambiente e serán impartidas por destacados especialistas que disertarán sobre cuestións como a conservación das árbores senlleiras en Galicia; selvicultura e conservación; economía e medio ambiente do litoral na nosa Comunidade; conservación da fauna vertebrada: retos e perspectivas; as especies invasoras: unha ameaza para os nosos ecosistemas; a conservación da flora e os espazos protexidos en Galicia.

Antonio Rigueiro destacou “abórdanse cuestións que preocupan á sociedade, xa que se estragamos o noso medio, os primeiros perxudicados somos as persoas. Os beneficios económicos da paisaxe ou as consecuencias do efecto invernadoiro non están contabilizados polos economistas, pero o certo é que de facelo veriamos que superarían os beneficios doutros bens tradicionais como os cogumelos ou as catañas. É dicir, o medio ambiente non só ten unha implicación sentimental senón tamén unha repercusión económica”.

Os alumnos inscritos recibirán un diploma acreditativo e un crédito de libre configuración pola Universidade de Santiago de Compostela. En total, sete xornadas que se desenvolverán dende o día 15 ó 18 no Pazo de San Marcos e dende o 22 ó 24 de novembro, na Facultade de Veterinaria. A inscrición pode realizarse dende hoxe mesmo no INLUDES.

Exit mobile version