Nota de Prensa
A Deputación organiza o II Encontro de Cooperación
sobre a protección de datos nos Concellos da provincia
– Trátase da primeira vez que unha administración provincial en Galicia organiza unha xornada destas características
– Desenvolverase o 19 de outubro na que prestixiosos expertos debaterán sobre este asunto, que nalgúns casos, supón sancións cuantiosas e presentarase o primeiro estudo realizado sobre este tema da provincia
– Aprobados os plans de seguridade de seis zonas da Conservación da Rede Viaria, que afectan a 52 Concellos e a adxudicación ascende a preto de 15 millóns de euros
– Dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública adxudicouse provisionalmente o polideportivo e piscina climatizada de Monterroso por valor de mais de 1,2 millóns de euros
O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, anunciou este venres que o 19 de outubro o Salón de Actos da Deputación acollerá o II Encontro de Cooperación cós Concellos que terá como eixo central a protección de datos de carácter persoal nas entidades locais da provincia. Gato Soengas subliñou que “se trata da primeira vez que unha administración provincial en Galicia aborda con absoluto rigor este asunto”. Na xuntanza, darase a coñecer, ademais, o amplo estudo realizado en colaboración coa Universidade da Coruña, sobre este tema na provincia, co que a de Lugo se converte na única Deputación de Galicia que realiza unha diagone sobre a protección de datos nos Concellos.
O voceiro provincial socialista destacou que esta iniciativa forma parte do departamento de asistencia ós municipios, creado polo actual equipo de goberno e que se divide en tres grandes áreas: xurídica, económico-financieira e técnica. Esta última, estará integrada pola asistencia urbanística, novas tecnoloxías, xestión administrativa, xestión de recursos humanos, patrimonio, expropiacións, medio ambiente, arquivo e protocolo. “Fomos quen de conseguir que esta Deputación se coloque na mesma posición que outras Deputacións que dende hai tempo xa contan con este servizo”.
No Encontro, cuxa convocatoria saiu publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP), participará o mellor que existe en España en materia de protección de datos. É o caso de prestixiosos expertos a nivel nacional que traballan nas Deputacións de Barcelona e Xaén, nas Universidades de Sevilla e Coruña e mesmo a responsable da implantación da eadministración no Concello de Fene, quenes disertarán sobre este tema tan delicado que, nalgúns casos, supón sancións cuantiosas que, tal e como establece a lei, poden ir dende os 600 euros ós 600.000.
Non hai que esquecer que os municipios manexan moitos datos: padrón de habitantes, censos electorais, castastros, etc ,e nun uso indebido dos mesmos a lei é moi estricta. De aí a importancia deste encontro ó que están convidamos a Alcaldes, Concelleiros, empregados públicos da administración local e a todas as persoas que queiran asistir.
As inscricións para participar no Encontro poderanse facer ata o 14 de outubro, chamando ó 982 240 409, en liña na dirección: http:www.deputacionlugo.org/encontrocooperacion, ou mandando a solicitude ó correo electrónico: cooperacion@deputacionlugo.org.
Conservación da rede viaria da Deputación
Aprobáronse os plans de seguridade de 6 das 8 zonas da Conservación da Rede Viaria Provincial deseñada para o que resta de 2010 e ata 2012. Trátase das zonas 2, 3, 4, 5, 6 e 8, que suman 3.370 quilómetros e cuxa adxudicación ten un importe de 14.690.706 euros. O voceiro provincial socialista subliñou que se trata do último paso para que as empresas comecen a traballar nos 52 Concellos que inclúen as seis zonas.
“Reestruturamos a Conservación: pasamos de tela adxudicada en 13 zonas a 8. Deste xeito, ó disminuir o número de zonas a adxudicación saiun máis barata porque a mesma empresa encárgase de máis Concellos, o cal nos permitiu aforrar cartos que podemos destinar a outras inversións.”.
Complexo deportivo Monterroso
Dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, dotado con 60 millóns de euros, adxudicouse provisionalmente o polideportivo e piscina climatizada de Monterroso por valor de 1.204.284 euros. No complexo traballarán 20 efectivos e situarase no parque empresarial, nunha parceda de 4.600 metros cadrados.
O edificio divídese en tres volumes diferenciados, o de maior dimensión alberga o pavillón deportivo, que ocupa unha superficie de 2.939 metros cadrados. A piscina de 30 metros de longo por 15 de ancho, terá unha capacidade para 100 persoas. Tamén dispón de ximnasio e vestiarios. “Estou moi satisfeito porque era unha débeda histórica que tiña este Concello de máis de 4.000 habitantes”.