Nota de Prensa
A Deputación leva o Innova-TE ó San Lucas de Mondoñedo para achegar a e-administración ós miles de participantes
– A @ chega este sábado a cidade mindoniense para ensinar ós cidadáns a administración electrónica ante a súa chegada á provincia nun tempo récord de menos dun ano
– Logo do éxito acadado no San Froilán coa visita de 35.000 persoas e dos Ministros de Fomento e Xustiza, a Deputación instalará a aula itinerante de formación na praza da Catedral de Mondoñedo dende o 16 ó 18 de outubro
– Talleres sobre o DNI electrónico, sorteos tecnolóxicos, fotografías e postais dixitais, e ata simuladores de última xeración, darán conta das avantaxes da e-administración
A Deputación presenta este sábado en Mondoñedo a @, a aula itinerante de formación sobre a administración electrónica. Logo do éxito acadado durante o San Froilán coa visita de 35.000 persoas e dos Ministros de Fomento e Xustiza, o organismo provincial aproveita a celebración do San Lucas na cidade mindoniense para ensinar a outros tantos cidadáns que é a e-administración e cales son as súas avantaxes. Deste xeito, a Deputación segue a dar conta do Innova-TE xa que, nun tempo récord de menos dun ano, o programa tecnolóxico dotado de 9 millóns de euros, co-financiado nun 70% pola Unión Europea, e nun 30% polo Inludes, fará realidade unha administración sen papel e aberta 24 horas.
A aula formativa de 230 metros cadrados, cor vermella e forma de @, estará dende o 16 ó 18 de outubro na praza da Catedral de Mondoñedo. O horario ó publico será o seguinte: de 12:00 horas ás 14:30 horas pola mañá, e de 16:30 horas ás 22:00 horas pola tarde. A @ sumerxerá ós cidadáns na administración electrónica e nas novas tecnoloxías mediante obradoiros, sorteos, e mesmo simuladores de última xeración. Deste xeito, a primeira parada será o taller sobre o DNI electrónico onde os participantes coñecerán a “chave” da e-administración é dicir, a clave para que os veciños poidan realizar dende a Rede os 120 trámites que lles ofrece o Innova-TE da Deputación. Logo de realizar este taller, os veciños poderán participarán ademais nos sorteos tecnolóxicos de lectores de DNI, chaves USB, e mesmo de 2 ebooks (lectores de libros electrónicos), e outros 2 netbooks (ordenadores portátiles de baixo custe e reducidas dimensións).
A @ contará ademais con actividades lúdicas coas que se pretende achegar e facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a todos os cidadáns, independentemente da súa idade, dunha forma sinxela e divertida. Haberá un taller de fotografías dinámicas, outro de postais dixitais, e ata un simulador virtual de carreiras de coches con varios vehículos de tamaño case real. Estas últimas actividades de ocio foron cedidas por Vodafone e R á Deputación de forma totalmente gratuíta. Ademais, como verdadeiro espazo tecnolóxico, a aula formativa itinerante contará con sinal wifi e blue wifi para conectarse á Internet, e comezar a interactuar xa cos veciños mediante mensaxes gratuitas que chegarán ós móviles para alertar do que acontece minuto a minuto na @.