Nota de prensa
A Deputación investiu nos últimos tres anos preto de 41 M€ na mellora da calidade e da seguridade das súas estradas
– Deste xeito, a través dos diferentes plans provinciais acondicionáronse 325 quilómetros, pertencentes 84 estradas que benefician a 53 Concellos
– Manuel Martínez subliña que “fronte a esta actuación dun goberno que traballa e trata de mellorar as comunicacións na provincia, está un goberno da Xunta co que, nestes momentos, todos son problemas e restricións presupostarias”
– O Deputado de Infraestruturas anuncia para 2011outro plan de aglomerado en quente para 172 quilómetros, incluído na partida económica da Conservación
– Martínez agarda que na reunión de mañá o goberno autonómico dé unha solución para a ponte de Arante, en Ribadeo, e á Capela de Navia de Suarna
Manuel Martínez subliñou que “aquí non se inclúen as do canon nin as do Plan Extraordinario, polo que se sumásemos todo o investimento sería maior. Fixémolo con racionalidade e con previsión para no ter que reparalas en alomenos 10 anos, aplicando aglomerado en quente. Estamos a falar do esforzo que fixo o departamento de Infraestruturas, un esforzo que non ten comparación nin parangón co feito nas estradas anteriormente”.
Deste xeito, a través dos diferentes plans como os de Conservación, o Plan de Obras e Servizos ou con fondos propios, melloráronse 325 quilómetros, dos que tan só 5,8% levan rego asfáltico e non aglomerado en quente, “e que se corresponden cos proxectos herdados do anterior goberno”. Pertencen a 84 estradas que benefician a 53 Concellos, “o que rebate as teorías de que só investimos en municipios do Partido Socialista, polo que esta propaganda é totalmente falsa”. Nestes momentos, da totalidade de viais acondicionados tan só falta por rematar acondicionamento de catro quilómetros da CP 3208, en Monforte.
Asimesmo, engadiu que “se miramos a estatística provincial en canto ó trafico viario, aquelas estradas que teñen unha densidade de vehículos entre 500 e 5.000 diarios, nestes momentos estarían en condicións perfectas. Nas que van entre 100 e 500, acondicionamos un terzo destes viais”.
“Fronte a un goberno que traballa, coa Xunta todo son problemas”
O responsable de Infraestruturas sinalou que por primeira vez a Deputación actúa en todos os municipios da provincia, con independencia da súa cor política. “Fronte a esta actuación dun goberno que traballa e trata de mellorar as comunicacións na provincia, está un goberno na Xunta co que, nestes momentos, todos son problemas e restricións presupostarias; todo o contrario do que está a facer a Deputación. Todas as administracións estamos sufrindo os recortes, pero isto non pode ser unha excusa”. O ritmo de traballo é tal que hoxe a de Lugo é a Deputación que máis expropia de Galicia e foi quen de afrontar por primeira vez na historia desta institución un plan se sinalización da rede viaria provincial, dotado con 2,2 millóns de euros.
Asimesmo, lembrou que o actual equipo de goberno reorientou as funcións do Parque Móbil, que estaba totalmente deslabazado, e hoxe en día non só presta un servizo esencial ós Concellos senón que lles aforra cartos na mellora das súas vías municipais. Un exemplo desta colaboración é o dispositivo despregado para arranxar os danos producidos polas riadas na Mariña no mes de xuño.
Máis aglomerado e máis quilómetros
A Deputación continuará en 2011 mellorando a rede viaria provincial con outro plan de aglomerado en quente, dentro da partida económica destinada á Conservación Integral da mesma. O Deputado de Infraestruturas anunciou que se acondicionarán 172 quilómetros correspondentes a viais de 36 Concellos: Viveiro, Cervo, Ourol, Xermade, O Valadouro, Foz, Alfoz, Mondoñedo, Pastoriza, Pontenova, Pol, Castro de Rei, Lugo, Castroverde, Corgo, Láncara, Baralla, Guitiriz, Friol, Monterroso, Portomarín, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, Pedrafita, Triacastela, Samos, Quiroga, Ribas de Sil, Pobra de Brollón, Monforte, Pantón, Saviñao, Taboada e Chantada.
Resposta urxente da Xunta
Este xoves técnicos da Deputación reuniranse en Santiago de Compostela cos da Xunta de Galicia para intentar chegar a unha solución para a Ponte de Arante, en Ribadeo, que quedou parcialmente destruida polas inundacións que afectaron considerablemente á Mariña no mes de xuño. Martínez indicou que por parte do organismo provincial existiu dende o primeiro momento unha total predisposición para solucionar o problema, proba diso é que se habilitou unha partida económica de urxencia para iniciar os traballos de reparación canto antes, “pero non podemos dicir o mesmo do goberno autonómico”.
No mes de agosto, a Xunta remitiu un informe no que se expresaba que non concedía a autorización á Deputación para demoler o viaduto e construir un novo, recomendando que se conservase a estrutura de fábrica. “Ante esta situación, no mes de setembro, solicitámoslle que se realizase unha nova proposta, que nunca recibimos na Deputación”.
O Deputado tamén denunciou a situación da capela de Acebedo, en Navia de Suarna. O seu estado ruinoso obrigou a cortar a estrada provincial, xa que corre un grande risco de derrubarse, o que pode traer consecuencias maiores e que na Deputación se queren evitar por todos os medios. Por este motivo, en setembro remitiuse a Patrimonio e ó Obispado de Lugo sendos escritos nos que lles pide unha resolución urxente. “A entidade eclesiástica concedeu a autorización, pero da Xunta seguimos se obter resposta. Agardamos que na xuntanza de mañá se aclaren estas dúas cuestións”, concluiu o Deputado provincial.