Nota de prensa
SUPLUSA asume a xestión dos centros de atencióna persoas maiores que a Deputación construirá en 2011
– Con esta actuación, á que se destinan 12 millóns de euros, o organismo provincial potencia a economía lucense, poñendo en marcha un servizo moi demandado que evitará o despoboamento da zona rural e xerará novos postos de traballo
– A Deputación insta á Xunta a retomar as negociacións da titularidade das estradas, xa que se trata dunha cuestión necesaria para programar o Presuposto de 2011 e as actuacións a executar nos vindeiros meses
– O Pleno aprobou a ordenanza xurídica que dá validez legal ós 120 trámites que os cidadáns poderán realizar vía Internet co Innova-TE
– A Deputación esixe ó goberno autonómico a que rectifique o cambio no mantemento do sistema de identificación e rexistro das explotacións, xa que aumenta os custos dos gandeiros e non garante o control da sanidade animal
O máximo mandatario provincial indicou que, para a execución destas infraestruturas, “intentaremos buscar o apoio dos Concellos”. Deste xetio, as entidades locais terán que aportar os terreos e participarán no financiamento dos gastos de construción nunha porcentaxe que rondará o 25%. Situaranse preto dos centros das vilas para favorecer que os residentes participen na vida das mesmas. As residencias terán unha capacidade para unhas 25 persoas e as instalacións de día para 15 ou 20 maiores.
No mes de novembro celebrarase a primeira xuntanza do Consello de Administración para proceder, no menor tempo posible, á sinatura dos convenios cos Concellos correspondentes. En definitiva, o organismo provincial potencia a economía da provincia dende a perspectiva do benestar social, poñendo en marcha un servizo moi demandado que evitará o despoboamento da zona rural e xerará novos postos de traballo ó incorporar persoal cualificado.
SUPLUSA tamén realiza un esforzo inversor moi importante na creación de solo industrial. Dende 2008, a Sociedade está a executar 8 polígonos que suman preto de 1 millón de metros cadrados e máis de 13,3 millóns de euros de investimento. En mes e medio iniciaranse as obras do de Chantada, no que se investirán máis de 2,8 millóns de euros e se favorecerá o asentamento de novas empresas e se crearán novos postos de traballo en toda a Comarca. No mes de xuño comezaron as obras da área industrial de Castroverde, que avanzan a bo ritmo, e no que xa 20 PEMES reservaron a súa parcela. En 2009 tamén se remataron as de Ourol e Baleira e, en 2008, a de Friol, na que só falta que a empresa eléctrica soterre a liña de tensión. Asimesmo, o organismo provincial agarda iniciar as obras nos vindeiros meses do polígono de Paradela, e ten en marcha os de Riotorto e Fonsagrada,
Negociación de estradas
A Deputación aprobou tamén por unanimidade a proposta do equipo de goberno na que se acorda instar á Xunta de Galicia a retomar as negociacións levadas a cabo para reestruturar a titularidade das entradas de ambas as dúas administracións; cuestión vital e necesaria para programar o Presuposto de 2011 e as actuacións a executar nos vindeiros meses. O organismo provincial xestiona 4.300 quilómetros de rede provincial, a máis extensa de España, o que implica que cada ano teña que destinar unha partida importante do Orzamento á súa conservación e mantemento. Neste senso, o Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, destacou que “nós fixemos máis nun ano que o PP en 24 e, neste asunto, o bipartito bordouno”.
Precisamente, a axilidade neste tema foi unha das cuestións que Gómez Besteiro lle trasladou persoalmente a Feijóo na reunión que ambos os dous dirixentes mantiveron en novembro de 2009. No mes de febreiro os técnicos provinciais e autonómicos mantiveron a última xuntanza sobre esta cuestión, adquirindo pola parte do Goberno autonómico o compromiso de presentar unha nova proposta que nunca se chegou a recibir e que é necesaria de cara a definir a partida económica que figurará no Presuposto do vindeiro ano.
Os quilómetros, obxecto de discusión entre as dúas administracións, suman un total de 220, e os criterios da negociación son cinco: treitos cun elevedo nivel de tráfico, estradas de titularidade compartida, vías que unen dúas provincias ou dous núcleos importantes, enlaces entre estradas autonómicas e nacionais e vías intermunicipais.
Validez legal para os 120 trámites do Innova-TE
O Pleno tamén deu o visto e prace á ordenanza xurídica que dá validez legal ós 120 trámites que os cidadáns poderán realizar vía Internet co Innova-TE, o programa tecnolóxico co-financiado nun 70% por fondos FEDER, e que permitirá a implantación da administración electrónica en menos dun ano. Este documento converte á Deputación en sede electrónica. É dicir, igual que a Deputación dispón dunha dirección física necesita de algo semellante no ámbito electrónico.
É o segundo paso máis importante despois da instalación do Centro de Procesamento de Datos (CPD). Autoriza ó organismo provincial a tramitar a través da rede coa mesma validez que se se fixese de forma presencial, xa que de non dispoñer deste documento tipo, a Deputación incumpriría a lei que regula a e-administración. En novembro, os Concellos, que voluntariamente se sumaron ó programa, recibirán a súa ordenanza, que tamén deberán aprobar nos respectivos Plenos.
Garantir o control das explotacións
A Deputación esixe ó Executivo Galego a que rectifique o cambio proposto para o mantemento do sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras coas garantías e nas condicións nas que se ven desenvolvendo este servizo público. A modificación implica o despido dos veterinarios encargados deste labor e supón a supresión da vista destes profesionais ás explotacións, tendo que facerse cargo deste proceso os gandeiros a través dunha Oficina Agraria Virtual da Xunta, vía Internet ou telefonicamente. O novo sistema suporá moitos problemas para os gandeiros, entre eles un aumento dos custos e do tempo de atención á explotación. Ademais, ten unha repercusión directa no control da sanidade animal, mentres que o actual está recoñecido por todos os axentes como unha das mellores garantías de sanidade animal de Europa.
Esta iniciativa, imposta pola Xunta, debilitará o sistema de seguimento e control público da sanidade animal, introducindo a xestión de entidades privadas e repercutindo negativamente na calidade, trazabilidade e sanidade da carne que entra na cadea alimentaria.