Gómez Besteiro leva á Mariña actuacións por preto
de 2,5 millóns de euros
– O Presidente anunciou que hoxe a Xunta de Goberno provincial adxudicou obras en Foz, Viveiro, Mondoñedo e Alfoz, na rolda de prensa do 1º curso personalizado para o pequeno comercio na provincia: “Burela co seu comercio”
– A Deputación aforra 80.000 euros ós comerciantes de Burela con este innovador programa formativo presentado por Gómez Besteiro e Alfredo Llano, e cuxa inscrición nas prazas limitadas rematará o 10 de novembro
– O titular provincial e o Alcalde de Foz visitaron cos veciños de Vilaronte a estrada Reiriz-Espiñeira. A Deputación adxudicou hoxe estas obras por 550.000 euros
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que a Xunta de Goberno adxudicou esta mañá actuacións na Mariña por preto de 2,5 millóns de euros. Gómez Besteiro subliñou que “fronte a crise, ambición. Poderíamos ampararnos na falsa austeridade coma outras administracións pero non”. O Presidente tamén avanzou: “As actuacións que traemos hoxe a Mariña veranse incrementadas durante este ano con novos proxectos nos que xa estamos a traballar”. Deste xeito, Gómez Besteiro adiantou que a semana que vén comezará o proceso de contratación das obras de mellora dun treito da antiga N-642 ó seu paso por Burela. Trátase dunha vía municipal cortada na Ponte de Perdouro, concretamente no punto quilométrico 44,750, dende o mes de xaneiro. Nesta data, o desbordamento do río dos Matos provocou graves danos no vial. O Concello burelés púxose en contacto coa Xunta, responsable da canle, para arranxala e restablecer o tráfico pero os traballos, a día de hoxe, seguen sen executarse. Ante esta situación, o Presidente da Deputación decidiu asumir estes traballos que supoñen un aforro de 75.000 euros ás arcas municipais.
As actuacións adxudicadas esta mañá na Deputación foron as seguintes: obras de mellora en 13 quilómetros da estrada provincial que une Mondoñedo, Alfoz e Foz por valor de 1.158.140 euros; acondicionamento de máis de 2,2 quilómetros do vial que une Casa Pequenete e A Espiñeira na localidade focense de Vilaronte por 554.109 euros. Para Viveiro, aprobouse o acondicionamento e mellora da 2ª planta do Conservatorio Municipal (96.000 euros), a ampliación das redes de sumidoiros no lugar de Pallaregas (97.600 euros) e na parroquia de Galdo (146.400 euros), a construción do campo de fútbol en Lavandeiras (197.500 euros), a dotación da cuberta da edificación municipal situada na rúa Irmáns Vilar Ponte (147.500 euros), e a adecuación da antiga Casa Consistorial para Biblioteca e arquivo Histórico (45.755 euros).
Co Alcalde de Foz e os veciños
O Presidente, xunto o Alcalde Foz, José María García, mantiveron un encontro cos veciños da localidade focense de Vilaronte para detallarlles ás actuacións aprobadas hoxe na vía de Reiriz a Espiñeira. Trátanse duns traballos que viñan reclamando os cidadáns da zona dende hai anos, adxudicados pola anterior Corporación Provincial pero nunca executados porque non expropiaron previamente os terreos necesarios.
Gómez Besteiro decidiu retomar e mellorar esta iniciativa, xa que o anterior equipo de Goberno da Deputación só prevía mellorar 400 metros, deixando máis da metade do vial sen renovar. Agora, a Deputación acondicionará a totalidade da estrada, é dicir máis de 2,2 quilómetros onde, ademais da mellora do firme, construirá beirarrúas, instalará o alumeado público e servizos de telecomunicacións, e acometerá traballos de saneamento e abastecemento de auga. Para elo, o organismo provincial inviste máis de 550.000 euros dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública -dotado de 60 millóns de euros co fin de manter postos de emprego e adiantar a saída da crise na provincia-. O prazo de execución dos traballos será de 4 meses.
O Presidente demandou á Xunta o mesmo trato para a Mariña que lle está a dar a Deputación. “A Xunta maltrata a Comarca cuns Orzamentos un 8% inferiores ós do ano pasado, que non contemplan ningunha iniciativa nova senón que presupostan outra vez as mesmas actuacións que o Goberno galego non foi capaz de executar ó longo de 2010”. Exemplos disto son a variante de Viveiro, os accesos ó porto de Burela, o vial viveirense LU-862 ou a redución en preto dun millón de euros no presuposto adicado ó Hospital da Costa.
Curso personalizado para pequeno comercio
O Presidente e o Alcalde de Burela, Alfredo Llano, presentaron na Casa Consistorial de dito municipio “Burela co seu comercio”. Trátase do primeiro programa formativo, totalmente personalizado e gratuíto para os participantes, posto en marcha na provincia para a mellora do pequeno comercio. Está dirixido ós comerciantes de Burela. Gómez Besteiro salientou que “dos 4 programas que puxemos en marcha dende a Deputación para potenciar e manter postos de emprego nas PEMES da provincia, 2 trouxémolos á Mariña. O primeiro arrancámolo en Viveiro, despois Monforte e Lugo, contribuíndo a manter un total de 80 empresas de toda a provincia. Agora poñemos os nosos técnicos á disposición dos comerciantes de Burela a custe cero, xa que a Deputación financiará todo o programa”.
Segundo datos da Cámara de Comercio de Lugo, a provincia conta con preto de 9.700 pequenos comercios, dos cales o 25% pertencen á Mariña. Este sector representa ademais o 14% da tasa de emprego de Lugo. As dificultades económicas fixeron que no último ano o seu número se reducise nun 10% logo da caída nas vendas nun 20%.
“Burela co seu comercio” oferta 250 horas de asesoramento individual e prácticas. Deste xeito, expertos económicos visitarán in situ cada establecemento para, en primeiro lugar estudar a situación da empresa, e logo elaborar un Plan de mellora que determine: as oportunidades de negocio, as negociacións con proveedores e institucións financieiras, o contorno xurídico laboral e fiscal, actividades de merchandising, e a xestión de stocks. Isto suporá un aforro de 80.000 euros, o prezo que custaría este servizo no mercado ós 20 comerciantes que se beneficiarán desta iniciativa.
A Deputación habilita na súa páxina web www.deputacionlugo.org un espazo con toda a información sobre o programa. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe e ata o 10 de novembro. Para formalizar a inscrición cómpre chamar ó número 982-22-78-12 ou enviar un correo electrónico ó seguinte enderezo: burelacomercio@deputacionlugo.org
Hai 20 prazas. A previsión é que queden cubertas rapidamente, polo que nos vindeiros días o equipo de consultores desprazarase ós comercios para traballar man con man coas empresas que participen. Deste xeito, durante 6 semanas, e sempre de forma personalizada e individual, analizarase o plan de operacións, marcaxes, etiquetados, colocación ou a reparación dos produtos; a organización dos recursos humanos; a contabilidade; os posibles proxectos de expansión ou remodelación comercial; o uso das novas tecnoloxías; o trato ó cliente; ademais de establecer estratexias defensivas, ofensivas ou de cooperación.
Esta programación engádese ás axudas ós autónomos, nas que a Deputación de Lugo foi pioneira en España, e nas que leva investido ata o momento, á espera da nova convocatoria, máis de 1,4 millóns de euros. Con esta iniciativa, e só na Mariña, o organismo subvencionou os gastos correntes de máis de 250 traballadores, moitos deles comerciantes.