Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta visitou a oficina de emprego de Ribadeo que custou máis de 495 mil euros

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS VISITA A NOVA OFICINA DE EMPREGO DE RIBADEO, NA QUE A XUNTA INVESTIU PRETO DE MEDIO MILLÓN DE EUROS

* A delegada territorial subliñou o esforzo que está a realizar a Consellería de Traballo e Benestar para a modernización do servizo público de emprego

Ribadeo, 27 de outubro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou hoxe a nova oficina de emprego de Ribadeo, que se puxo en marcha o pasado día 22 de outubro.

A oficina está  situada na rúa Transversal, nun baixo comprado e acondicionado pola Consellería de Traballo e Benestar, que investiu neste proxecto 495.601 euros. Deste montante global, 258.000 euros foron destinados á adquisición do inmoble, máis de 190.000 ás obras de acondicionamento e 47.000 á compra do equipamento necesario.

Neste centro traballan nove persoas, das cales 6 son traballadoras e traballadores da Xunta de Galicia e 3 do Servizo Público de Emprego Estatal.

Arias destacou que as características das novas instalacións permitirán ofrecer un servizo máis axeitado aos usuarios da oficina. Ao respecto, subliñou que a oficina de Ribadeo é o centro de referencia para os usuarios de cinco concellos mariñaos –os de Foz, Barreiros, Trabada e A Pontenova, ademais do propio Ribadeo-.

A delegada territorial, que estivo acompañada na visita polo xefe territorial de Traballo e Benestar, Antonio Dacal, subliñou “o esforzo que a Xunta está a realizar a prol da modernización do Servizo Público de Emprego, tanto no tocante ás infraestruturas como á prestación de servizos”.

Nesta liña, lembrou que nos orzamentos do vindeiro ano resérvanse “48,4 millóns de euros para a mellora deste servizo en Lugo así como para a realización de plans de formación integrados, que favorezan a reinserción laboral das persoas desempregadas”.

Entre as medidas que incidirán na modernización do servizo cabe sinalar a próxima apertura da nova oficina de emprego de Mondoñedo. A Xunta está a piques de rematar as obras de adecuación deste local, no que se leva investido preto de medio millón de euros.

Exit mobile version