Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial da Xunta participou en Viveiro nunha xornada formativa sobre comercio

Nota de prensa
RAQUEL ARIAS EXPLICA ANTE OS COMERCIANTES DE VIVEIRO O NOVO MARCO REGULADOR QUE INTRODUCIRÁ  A  PRIMEIRA LEI DE COMERCIO  DE GALICIA REALIZADA NOS ÚLTIMOS 20 ANOS

* A norma, que é froito do diálogo co sector, ordena fenómenos como as rebaixas e establece o funcionamento de fenómenos recentes, como os ‘outlets’, as feiras de oportunidades

* Os centros comerciais abertos das localidades costeiras de Viveiro e Ribadeo recibiron a redor de 150.000 euros

* A delegada territorial indicou que a Xunta distribuíu en Lugo 540.000 euros para a modernización do comercio rural, dos que case a metade corresponden a establecementos da Mariña

Viveiro, 26 de outubro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, referiuse aos aspectos  máis destacados da nova Lei de Comercio de Galicia e ás diversas liñas de axuda ás que poden optar os comerciantes galegos nunha xornada formativa que tivo lugar hoxe en Viveiro. En concreto, Arias explicou estas medidas de impulso ao sector do comercio nun foro orientado aos comerciantes de Viveiro e promovido pola Federación Galega de Comercio.

Precisamente o día en que o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentaba o proxecto de Lei de Comercio de Galicia no Parlamento, Arias informou aos comerciantes de Viveiro das vantaxes que achegará esta norma, “feita dende o diálogo co sector, que beneficia ao pequeno comercio e garante os intereses dos consumidores”, segundo sinalou.

A delegada territorial subliñou que a lei ordena por primeira vez en Galicia figuras comerciais aparecidas nos últimos anos, como os Centros Comerciais Abertos, a figura dos ‘outlets’ ou  as feiras de oportunidades. Así mesmo, regulará as rebaixas, da liberdade absoluta no emprego do idioma e establece a creación de novos órganos: O Observartorio do Comercio Galego, Mesas Locais de Comercio e Consello Galego de Comercio.

Arias realizou estas declaracións diante do propio presidente do Centro Comercial Aberto Casco Histórico de Viveiro, Luis Vigo, e de numerosos comerciantes adscritos a esta entidade. No acto participou tamén o vicepresidente da Federación Galega de Comercio, José Sánchez Bergantiños.

A norma regula tamén as promocións en xeral -e as rebaixas en particular- e a liberdade  absoluta no uso do idioma. Así mesmo, da lugar á creación de novos órganos como o Observatorio do Comercio Galego, as Mesas Locais de Comercio e o Consello Galego de Comercio.

Axudas ao sector

A delegada referiuse tamén ao Plan Ágora Re-comercia, que contempla diversas liñas de axuda  dirixidas aos comerciantes a título individual, ás asociacións de comerciantes, e aos concellos. “Todas elas –explicou- contribúen a construír un sector comercial galego máis competitivo e dinámico”.

Arias explicou os obxectivos dos distintos programas e deu conta dos resultados daqueles que xa están resoltos. Así, comunicou que as axudas para a modernización do comercio rural de Galicia deixou este ano en Lugo unha contía global de 540.000 euros, distribuída  entre 76 comercios instalados en 36 concellos lucenses. Case a metade dos comercios, en concreto, 33, pertencen á comarca da Mariña.

Pola súa banda, informou de que o Centro Comercial Aberto Casco Histórico de Viveiro recibe este ano unha subvención da Dirección Xeral de Comercio de preto de 70.000 euros (69.526 euros), cifra moi similar á concedida ao Centro comercial Aberto de Ribadeo.

Esta liña de axudas, para a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos, beneficiou tamén na provincia de Lugo aos de Lugo (Lugo Centrum), Sarria, Monforte de Lemos e Chantada.

Exit mobile version