Nota de Prensa
RAQUEL ARIAS DESTACA O “APOIO DECIDIDO” DE SANIDADE AO HOSPITAL COMARCAL DE BURELA, NO QUE SE INVESTIRON 1,5 MILLÓNS DE EUROS
A delegada territorial, Raquel Arias, inaugurou hoxe no centro a oitava edición da Reunión Formativa da Sociedade Galega de Medicina Interna
Burela, 1 de outubro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou hoxe o “apoio decidido da Consellería de Sanidade aos hospitais comarcais e a súa vontade de potencialos e dotalos de maior autonomía”. Así o manifestou durante a inauguración da VIII Reunión Formativa da Sociedade Galega de Medicina Interna, que reuniu no Hospital de Burela a numerosos profesionais de Asturias e Galicia.
Arias afirmou que a Consellería de Sanidade investiu 1,5 millóns de euros “na mellora da carteira de servizos, da calidade asistencial e das infraestruturas sanitarias”, precisando que “non me refiro só á mellora de espazos físicos do Hospital senón tamén á inversión en equipos que se está a levar a cabo”. Como exemplo, lembrou a recente compra dun novo ecógrafo e un ecocardiógrafo para o centro.
A delegada aplaudiu o interese das médicas e médicos e actualizar os seus coñecementos para dar sempre o mellor servizo aos doentes. “Vos cumprides coa vosa parte –sinalou- e a Xunta aborda a súa, achegando máis e mellores medios para diagnosticar e tratar as doenzas”.
Raquel Arias destacou a completa asistencia sanitaria que presta o Hospital de Burela. “Neste centro –afirmou- só o 2% dos doentes son derivados a outros hospitais polos cadros clínicos que presentan”.
Incidiu, ademais, en que se trata dun servizo de calidade, “e así o manifestan os usuarios que acoden a este hospital, xa que máis do 80% valoran positivamente a excelencia da atención que reciben”.
Por último, recoñeceu o “importantísimo papel” que desempeñan “todos os profesionais que integran este complexo hospitalario. Eles, ao igual que todos vostedes, actúan movidos por unha forte vocación persoal e de servizo aos demais”.