Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta en Lugo confía en “seguir contado co compromiso de todos” no plan “Impulsa Lugo”

Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS CONSIDERA “LAMENTABLE” QUE O BNG ANTEPOÑA OS INTERESES DE PARTIDO Á SÚA RESPONSABILIDADE CO DESENVOLVEMENTO DE LUGO

 A delegada territorial lembra que institucións e axentes sociais de todos os ámbitos están implicados no comité de seguimento do plan ImpulsaLugo, e confía en “seguir contando co compromiso de todos”

Lugo, 28 de outubro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, cualificou hoxe de “lamentable” que o candidato do BNG á alcaldía, Antón Bao, falsee a realidade para atacar o plan ImpulsaLugo, antepoñendo os intereses partidistas ao compromiso cun proxecto no que están implicadas institucións, organismos e axentes sociais de todos os ámbitos.

A delegada afirma que, coas súas declaracións, Bao demostra “un descoñecemento absoluto do funcionamento do plan”, que partiu das reivindicacións dos axentes sociais –a través da asociación impulsora-, foi asumido pola Xunta de Galicia, que lle conferiu proxección e financiamento, e está aberto á participación de todos os estamentos representados no comité de seguimento –incluídos a Deputación, o concello de Lugo, os sindicatos e as asociacións empresariais-.

“Un descoñecemento absoluto ou, o que sería peor, unha clara mala intención en desacreditar un proxecto transparente e eficaz para o desenvolvemento da provincia, do que se da conta periodicamente en reunións do comité de seguimento nas que a Xunta facilita todos os datos dispoñibles”, sinalou Arias.

A delegada subliñou que, entre as condicións específicas esixidas ás empresas para obter estas axudas, “condicións que calquera pode consultar nas convocatorias, figura o compromiso de mantemento do emprego. Non se pode acceder á subvención se se destrúe emprego”.

Arias lembra que o plan ImpulsaLugo “é un proxecto de longo alcance”, que comezou aproveitando as liñas de axudas do Igape “porque eran un recurso do que xa dispoñiamos e que nos permitía introducir de xeito inmediato medidas de discriminación positiva para a provincia”. “Non disfrazamos nada, porque ligar as medidas transitorias ás subvencións do Igape foi unha decisión intelixente e axeitada, como o demostran os resultados obtidos”.

Ao respecto, Arias informou dos datos obxectivos que revela o balance destes primeiros meses de aplicación do plan, “no que practicamente se triplicaron as solicitudes de axuda na liña de grandes investimentos, mentres que na liña de mellora competitiva as solicitudes procedentes de Lugo pasaron de representar o 6% ao 14% no total de Galicia”.

O programa de axudas para grandes investimentos suma propostas por valor de 66 millóns de euros, o que significa un crecemento do 363% con respecto aos meses precedentes á posta en marcha das medidas transitorias do ImpulsaLugo. Ademais, implican a creación de 192 postos de traballo e o mantemento doutros 184.

Exit mobile version