Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA VISITOU A BARRACA DE BARRIGA VERDE NAS SAN LUCAS DE MONDOÑEDO
A reprodución de Tintimán Audiovisual e Viravolta Tïteres do mítico monicreque creado por Xosé Silvent xa amenizou o San Froilán e atópase en Mondoñedo dende o principio das San Lucas
MONDOÑEDO, 17 de outubro de 2010. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, visitou esta mañá a reproducción da caseta de Barriga Verde. Na visita tamén estivo presente Comba Campoy, directora de produción do documental que se gravará nas vindeiras semanas coa barraca de protagonista: “Os Mundos de Barriga Verde”.
Tras permanecer na praza da Soidade lucense o pasado San Froiláan, a barraca está instalada na praza da Catedral de Mondoñedo ata o 20 de outubro, e realiza funcións tódolos días a partires das 12 da mañá. Grazas este proxecto apoiado pola Área de Cultura da Deputación esta barraca trouxo ás rúas de Lugo e Mondoñedo unha figura que os cidadáns e cidadás lucenses maiores de 40 anos aínda lembran, e que tiña reservado todos os anos un oco nas festas do San Froilán, ademais das San Lucas mindonienses ou o San Roque de Ribadeo.
A Área de Cultura da Deputación de Lugo colabora con este proxecto, tanto de xeito económico mediante a achega de 15000 euros, como dando apoio loxístico e de difusión do proxecto. A iniciativa inclúe a gravación dun documental: “Os Mundos de Barriga Verde”, que recollerá de xeito audiovisual a xira que a barraca está a realizar por municipios lucenses. O documental que realizará Tintimán audiovisual gravará estes espectáculos mailas testemuñas de familiares de Xosé Silvent, e de varios galegos e galegas que aínda gardan na súa memoria as lembranzas da orixinal. O documental rematarase na primavera do vindeiro ano. Deste xeito, o proxecto, titulado “Nos Mundos de Barriga Verde”, contribuirá a reforzar a labor de divulgación deste personaxe senlleiro da cultura galega. Viravolta Títeres son os encargados de dar vida aos personaxes do espectáculo: Barrigaverde, o Demo ou o Cura.
Durante a permanencia da Barraca no San Froilán lucense, recibiu a visita de Alfonso e Juan Silvent, e este último tamén se atopaba hoxe en Mondoñedo. Son fillos de Xosé Silvent, a quen se lle denomina como o pai fundador do teatro galego de bonecos. A saga dos Silvent continua viva nas festas populares. Xosé Silvent (Badaxoz, 1890) dotou de vida ao neno de madeira que ficaría durante décadas nas memorias das xentes das distintas comarcas lucenses. Dende a etapa republicana e ata ben entrados os sesenta, o nome de Barriga Verde era celebrado en todos os recantos de Galiza e a chegada á aldea de “Xosé dos Bonecos” era, para moitos galegos e galegas, unha poderosa razón para mudar as adversidades diarias polo festexo. Xosé Silvent marchou aos 15 anos dende Badaxoz a Portugal para probar sorte. Alí entrou en contacto co teatro dos fantocheiros, cuxo personaxe estrela era un boneco de porra chamado Dom Roberto: este monicreque foi a razón da xénese de Barriga Verde.
Pouco despois, Silvent instálase na vila pontevedresa de Lérez, onde funda unha familia que viviu por e para a farándula. Dende entón e ata que o corpo llo permitiu, recorreu Galiza de aldea en aldea, levando por onde ía o seu espectáculo. O home, máis coñecido como Barriga Verde ou Xosé dos Bonecos, retirouse do mundo da farándula en 1964 e faleceu en 1970: converteríase no único caso de bonecos en Galiza ata 1979.