Nota de Prensa
O SALÓN DE PLENOS MUNICIPAL ACOLLERÁ O VINDEIRO DÍA 23 A 5ª EDICIÓN DO CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL “CONCELLO DE CERVO”
* O certame está organizado pola Asociación Cultural Airiños do Xunco e nel colabora o Concello de Cervo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo
Cervo, 16 outubro de 2010.- Onte polo serán tivo lugar no consistorio cervense o acto de presentación do V Concurso de Música Tradicional “Concello de Cervo” que organiza a asociación cultural Airiños do Xunco coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Cervo e a Deputación de Lugo.
No acto estiveron presentes o alcalde, Alfonso Villares, os responsables do colectivo organizador e da concelleira de Asuntos Sociais, Pilar Armada.
A finalidade deste evento é ensalzar a música tradicional. A cita deste ano terá lugar o vindeiro día 23 de outubro no salón de plenos da Casa do Concello a partires das 17.00 horas. As modalidades do concurso son as de gaita e pandeireta.
Unha vez rematado o prazo de inscrición, os grupos seleccionados nas distintas modalidades a concurso serán os que opten aos premios finais que se darán a coñecer ao remate da gala do día 23. Os premios establecidos son de 900 euros para os primeiros clasificados en ámbalas dúas categorías; 500 euros para os que acaden o segundo lugar; e 250 € para os terceiros clasificados.