Nota de Prensa
A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN FARÁ DA IGREXA DE S. PEDRO DE ALCÁNTARA DE MONDOÑEDO UN CENTRO CULTURAL
Antonio Veiga anunciou que se destinarán a este proxecto 185.000 euros, que permitirán crear un centro cultural que poña en valor o patrimonio cultural mindoniense
Ilustres mindonienses como Cunqueiro, Noriega Varela, Leiras Pulpeiro ou Pascual Veiga contarán cun espazo expositivo no que se dará a coñecer a súa obra
LUGO, 15 de outubro de 2010. O nacionalista Antonio Veiga, delegado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, informou hoxe na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da aprobación dunha subvención excepcional a favor do Concello de Mondoñedo, cun importe de 185.000 euros, que permitirán facer da Igrexa de San Pedro de Alcántara un Centro Cultural coa finalidade de crear un espazo de exposición para aproveitamento cultural, educativo e turístico, das figuras artísticas máis importantes da historia de Mondoñedo: Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Pascual Veiga, Cunqueiro ou o mestre Pacheco e os demais mestres de capela.
Segundo explicou Antonio Veiga “recentemente inauguráronse as obras de acondicionamento do contorno desta Igrexa da Alcántara, que se levaron a cabo coa aportación do Ministerio de Vivenda, polo que agora a actuación que realizaremos desde a Área de Cultura da Deputación vai no camiño de encher de contido a Igrexa, poñéndoa en valor como un centro cultural que será moi beneficioso para Mondoñedo”. Antonio Veiga lembrou que a Igrexa, que está desacralizada e é de propiedade municipal, xa tivo historicamente unha vinculación co uso cultural do seu espazo, especialmente no ámbito musical, e aparece incluso citada en varios escritos históricos como “Teatro da Alcántara”, polo que reconvertela para uso sociocultural confírmase como unha iniciativa moi positiva.
Coa reconversión da Igrexa de San Pedro de Alcántara crearase un Centro Cultural a partir do patrimonio literario e cultural de Mondoñedo, entendendo o Centro de dous xeitos: por unha parte como centro contedor (para exposición de fondos e recepción de visitantes) e ao mesmo tempo un centro produtor (que xere contidos e promova actividades de divulgación) de cara á apertura á sociedade. Polo tanto, plantexarase unha oferta expositiva e cultural de carácter permanente, así como erixir un foco xerador de iniciativas en beneficio do desenvolvemento e dinamización cultural, social e económica de Mondoñedo.
Por outra banda, Antonio Veiga, informou dun punto pertencente á Área de Benestar relativo aos cambios no servizo de teleasistencia domiciliaria. Neste punto, Veiga explicou que se produciron 19 baixas definitivas no servizo, así como 3 novas altas e un único reinicio do servizo.