43 SEGUNDOS DE MÁIS PARA O RIBADEO NA SÚA VISITA A VEDRA
Ao Panificadora del Eo-Ribadeo sobráronlle 43 segundos para traer o primeiro punto como visitante, no seu desprazamento a Vedra ante o FSF Mesón Río Ulla (3-2). A fortuna non acompañou as mariñás no minuto final, que tiveron que asistir ao 3-2 definitivo sen tempo para reaccionar.
Na devandita cita o FSF Mesón Río Ulla non demostrou ser o equipo que ocupa a terceira posición de Autonómica. Saíron as ribadenses cunha defensa pechada, pero aos poucos subiron as súas liñas e crearon perigo ante a portería local. Así, Elvira, Eva, Sofía e Fátima tiveron ocasións de adiantar o seu equipo na primeira metade, pero unhas veces por boas intervencións da porteira e outras por desatino, o Ribadeo non puido irse ao descanso con vantaxe.
Na continuación as cousas cambiaron. O Ribadeo estirou as súas liñas e o partido estivo máis aberto; no minuto 25, Fátima subiu o 0-1, nunha xogada persoal, desbordando a rival e axustando un tiro raso ao primeiro pau. Pero axiña chegou o empate, no minuto 28, cun disparo desde doce metros de María que se coou pola escuadra dereita da portería ribadense, defendida por Carla na segunda metade. Tres minutos máis tarde, nun erro defensivo o balón coouse lentamente na meta empuxado por Cris.
Con 2-1, o Panificadora tirou de coraxe e, cando se dispuña a atacar de 5, Elvira conseguiu empatar a falta de dous minutos, dun tiro forte colocado ao segundo pau nas inmediacións da área local. As opcións mariñás desapareceron co 3-2, de Naty.
Desde a décima praza, o Ribadeo recibirá o vindeiro sábado (18:30 horas) o Cidade de Ourense, segundo clasificado, filial do potente Ponte Ourense da División de Honra.
Provincial masculino. O Ribadeo FS resolveu a visita do Meigallos sarriao con empate (1-1). Con este punto, os mariñáns mantéñense na cuarta posición con 7 puntos, a 2 dos colíderes Becerreá, Cidade de Viveiro e Area 10. Castroverde será o destino para os mariñáns a próxima fin de semana.
Ficha técnica
FSF Mesón Río Ulla: Alejandra, Vanesa, Cris, Nerea e Naty, cinco inicial; tamén xogaron Bego, María, Cristina e Aroa.
Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Vanessa, Eva, Elvira, María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Sofía, Iria, Yoli, Marta e Carla.
Goles: 0-1, minuto 25, Fátima; 1-1, minuto 28, María; 2-1,minuto 31, Cris; 2-2, minuto 38, Elvira; 3-2, minuto 39, Naty
Árbitros: Pájaro Gómez e Losada Sánchez (anotador), de Santiago