Site icon Crónica3.com A Mariña

Vintecinco concellos de Galiza limparán ríos nunha campaña promovida por ADEGA

Nota de prensa:
O PROXECTO RÍOS INICIOU A SÚA CAMPAÑA DE OUTONO 2010 E ORGANIZA A III XORNADA DE LIMPEZA SIMULTÁNEA.
A limpeza realizarase o día 3 de outubro de 2010 en 25 Concellos de Galiza, en colaboración cos grupos, asociacións e concellos que están no Proxecto Ríos.

Santiago de Compostela (28 de setembro 2010)

Co inicio do curso academico o Proxecto Ríos comeza a campaña de outono. O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA, e financiada pola Dirección Xeral de Sostenibilidade e Paisaxe. A finalidade deste programa é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantenemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Nesta campaña de outono vanse a realizar as III Xornadas de limpeza simultánea de ríos o domingo 3 de outubro. Nesta terceira edición estaremos presentes en 25 concellos de Galiza. Un dos problemas máis salientables que sofren os nosos ríos é a gran cantidade de lixo que aparece nos cauces e ribeiras. Dende o Proxecto Ríos queremos concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos como premisa para a conservación da súa saúde. A limpeza non pasa só por unha actividade illada dun día de retirada de lixo. Para a conservación dos ecosistemas fluviais cómpre desenvolver actitudes responsábeis cara medio natural e depende de todos/as frear a contaminación que están a sufrir os ríos.
O Proxecto Ríos entregará aos grupos participantes un protocolo para difundir a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais, ademais de editar cartaces divulgativos para cada zona cun teléfono de contacto para que se apunten as persoas que queiran participar. Tamén se entregarán camisolas co motivo da limpeza. Nesta xornada a implicación dos concellos é fundamental para garantir a recollida do lixo que se saque dos ríos, para proporcionar o material necesario para a limpeza e para asegurar aos voluntarios/as participantes.

Durante esta campaña de outono están programadas tamén saídas formativas con distintas entidades (centros de ensino de primaria e secundaria, concellos, asociacións, grupos ecoloxistas,…), así como realizarase o sábado 2 de outubro, as XII Curso de Formación de Coordinadores/as na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con. Nesta edición pretendemos incidir, como cada ano, no recoñecemento dos macroinvertebrados, especies fundamentais no noso traballo ao ser bioindicadoras. Para os/as que xa participaron en anos anteriores afondaremos en novos ámbito como é a utilización do Índice de Calidade Hidromorfolóxica (IHF), co que avaliaremos a calidade do hábitat do punto de mostreo do treito de río estudado.

A fin de semana do 15, 16 e 17 de outubro desenvolveremos a cuarta e derradeira quenda do IV campo de voluntariado ambiental do río Tea. en colaboración co Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e dentro do programa de Voluntariado en Ríos da citada entidade. Neste campamento realizaranse accións encamiñadas a eliminar flora exótica e invasora no río Tea. O prazo de inscrición xa está aberto, e pódese descargar a ficha na nosa páxina web (www.proxectorios.org).

Exit mobile version