VALDETIRES, RIVAL DAS BURELÁS NAS SEMIFINAIS DA COPA GALICIA (CELANOVA, 11-12 SETEMBRO)
O Burela FSF Pescados Rubén medirase ao Valdetires Ferrol nas semifinais da XX Copa Galicia, que se disputará en Celanova entre o 11 e o 12 de setembro.
As laranxas pelexarán por unha praza para a final o sábado 11, ás 19.30 horas, no pavillón municipal de Celanova. Este será o segundo cruzamento das mariñás co Valdetires posto que xa coincidiron na fase de grupos, con resultado favorable para o Burela FSF (4-2).
O outro emparellamento protagonizarano Ponte Ourense e Cidade das Burgas, que serán os encargados de abrir a fase final ás 18.00 horas. Os gañadores de ambos os enfrontamentos veranse as caras na loita polo título o domingo 12, ás 11.30 horas.
O Burela FSF acudirá á cita como actual campión da Copa Galicia, acadada o 13 de setembro en 2009 ante o Cidade das Burgas (3-4). Entre os favoritos para facerse coa vixésima edición destaca o Ponte Ourense tras a súa reestruturación para 2010-11.