Site icon Crónica3.com A Mariña

Uns 400 atletas competirán na XII Carreira Popular de Viveiro que organiza o club Egovarros

Nota de Prensa

ANTONIO VEIGA ASISTIU Á PRESENTACIÓN DA XII CARREIRA POPULAR DE VIVEIRO

O evento, organizado polo Club Egovarros, celebrarase a vindeira fin de semana coa participación de ao redor de 400 atletas

Esta edición da carreira lembra especialmente a Julián Bernal, atleta galego con máis de 700 carreiras no seu palmarés, falecido o pasado mes de marzo

VIVEIRO, 15 de setembro de 2010. O delegado da Área de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, presentou esta tarde na casa do concello de Viveiro a XII Carreira Popular Concello de Viveiro, que este ano e celebra na honra do atleta galego Julián Bernal. Ao acto tamén asistiron o concelleiro de Deportes, Xesús Fernández Cal, o fillo do atleta homenaxeado, Jesús Bernal, e o secretario do Club Egovarros e concelleiro Xosé Antón Goás. Este último desculpou a ausencia do o presidente do club, Francisco Rodríguez Balsa ao falecer o seu pai no mediodía de hoxe.

A proba celébrase o vindeiro fin de semana (18 e 19 de setembro), e nela participarán ao redor de 400 atletas de diversas categorías, que van dende nenos e nenas de moi corta idade ata veteranos de máis de 60 anos. Como destacou Veiga, “a Área de Deporte da Deputación apoia decididamente aos colectivos que se encargan de organizar este tipo de eventos, como é o Club Egovarros, que son tan importantes para a promoción dunha alternativa de lecer saudable a través da práctica deportiva”. O delegado da Área de Cultura e Deportes deu os parabéns ao Club Egovarros polo seu esforzo e traballo para facer posible a carreira, e tamén polos éxitos acadados polos atletas que forman parte del. Manifestou o seu desexo de que a proba logre, como ven facendo cada ano, o mesmo éxito ou máis que en pasadas edicións.

Pola súa banda, Xosé Antón Goás explicou que a carreira, cun percorrido de 12 quilómetros, está organizada de xeito que se celebra en dúas xornadas: o sábado ás 17:00 horas, as categorías menores masculina e feminina sairán do pavillón municipal, e o domingo 19, coa saída ás 11.30 da mañá, sairán do mesmo lugar as categorías superiores tamén nas súas modalidades masculina e feminina. Jesús Bernal, fillo do atleta homenaxeado, mencionou o especial aprecio que o seu pai tiña por Viveiro e por Lugo en xeral, ademais de dar as grazas ao Club Egovarros e á Área de Deporte da Deputación. Todos os asistentes ao acto fixeron unha mención especial ao presidente do club, Francisco Rodríguez (cuxo pai acaba de falecer) que segundo o secretario de Egovarros , “fai posible a celebración deste evento co seu esforzo e traballo, algo que lle hai que agradecer este ano moi especialmente”.

Exit mobile version