Nota de Prensa
A XUSTIZA DI QUE O CUSTE REAL DO PLAN PLACER É UN 43% DO QUE DEFENDEU E PRETENDÍA ABOAR O PARTIDO SOCIALISTA
* Unha sentenza do Xulgado do Contencioso administrativo da por boa a liquidación final feita polo Concello e avalada por informes técnicos externos que valoraban en 1.138.607,45 euros a contía real dos traballos realizados e non nos 2.626.422 € que pretendía abonar o anterior Goberno socialista municipal
* Nela obrigase á empresa adxudicataria das obras a devolver ao Concello 156.574,23 euros indebidamente cobrados
Cervo, 23 de setembro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e os concelleiros do grupo de Goberno José Manuel Balseiro e Chelo Gallego, deron a coñecer este mediodía en rolda de prensa o contido da sentencia do Xulgado do Contencioso-Administrativo Nº2 de Lugo na que vén a desestimar o recurso interposto pola empresa contratada polo anterior goberno municipal socialistas para facer as obras do plan de asfaltados de Cervo (Plan PLACER) e obrigalle a devolver ás arcas municipais 156.574,23 euros.
Segundo indicaron os membros do equipo e Goberno local, os fundamentos xurídicos desta sentencia entran por vez primeira vez no fondo de todo este contencioso iniciado hai 10 anos “e no que o Partido Popular leva loitando dende que chegamos á responsabilidade deste Goberno municipal” salientaron.
Na súa intervención o alcalde de Cervo fixo unha exposición pormenorizada dos distintos contenciosos que leva mantendo o Concello coa empresa adxudicataria destas obras dende o ano 1999. Salientou que nela o xuíz ven a dar a razón ao Goberno popular do Concello de Cervo sobre a súa decisión de investigar o contrato subscrito polos socialistas e da por boa a liquidación final feita polo Concello e avalada por informes técnicos externos que valoraban en 1.138.607,45 euros a contía real dos traballos realizados e non nos 2.626.422 € que pretendía abonar o anterior Goberno socialista municipal “o que supón que o custe real do Plan Placer era un 43% do que o Partido Socialista se comprometera a pagar” recalcou o rexedor.
Para os membros do equipo de Goberno son moitas as explicacións que debe dar o actual grupo socialista a tódolos veciños de Cervo. “Deben explicar cales son os intereses que moveron e moven a este partido para levar adiante este tipo de decisións totalmente prexudiciais para os intereses dos veciños de Cervo e cando menos irregulares e moi escuras que a xustiza acaba de poñer en evidencia” enfatizaron os responsables locais cervenses.
Tanto o rexedor coma os dous concelleiros lembraron que tódolos integrantes dos gobernos do Partido Popular no Concello de Cervo nestes 10 últimos anos defenderon os intereses de tódolos veciños “e o exemplo está no que hoxe a xustiza acaba de ditaminar: que o Partido Socialista pretendía que a cidadanía deste concello pagara 2.626.422 por unhas obras que non valen nin a metade diso; algo que leva defendendo o partido Popular nestes últimos anos” recalcou o alcalde.
Por último, os responsables locais puntualizaron que dita sentencia non é firme e contra dela cabe recurso de apelación, aínda que matizaron que a empresa “terá que pensalo moito antes de recorrela”.
SINOPSE PLAN PLACER
* Goberno local do PSOE aproba no ano 1999 o Plan de asfaltados (Plan Placer) por un valor de 2.626.422,90 €
* En xuño do mesmo ano (1999) o Goberno municipal socialista fai o pago de 1.574.651,7 euros a esta empresa durante o seu mandato en funcións e coas eleccións municipais perdidas (1.295.181,08 euros en efectivo e 279.470,62 € en letras de cambio a favor desta empresa)
* Nada máis chegar ao Goberno local, o grupo municipal do Partido Popular decide bloquear os pagos comprometidos polos socialistas e pendentes de abonar a esta empresa por valor de 1.051.771,2 €. Paralelamente inicia accións legais contra esta empresa diante das sospeitas de presuntas irregularidades no contido do contrato subscrito polo Goberno municipal do PSOE
* Dende aquela (hai máis de 10 anos) o Concello leva inmerso en xuízos co obxecto de recuperar para o erario público do municipio as cantidades indebidamente pagadas polo goberno municipal do PSOE a esta empresa e tamén para evitar pagar o comprometido polos socialistas.
* Grazas a esta xestión, no ano 2005 a Xustiza obriga á empresa a devolver os 279.470 euros das letras de cambio comprometidas polos socialistas no seu período de Goberno municipal en funcións.
* Agora -setembro de 2010- os xulgados volven a dar a razón ao grupo de Goberno do PP e obriga á empresa a devolver ás arcas municipais 156.574,23 euros máis en base á liquidación final do contrato que unía á empresa Coto co Concello e que foi feita en base a informes periciais de dúas empresas independentes.
* En total -nestes 10 anos- o Goberno municipal do Partido Popular logrou recuperar para os veciños do municipio as seguintes cantidades económicas:
Concepto Cantidade (€uros)
Letras de Cambio: 279.470,02 €
Liquidación: 156.574,23 €
Bloqueo de pagos comprometidos 1.051.771,20 €
TOTAL aforrado: 1.487.815,45 €
* Isto arroxa que, dos 2.626.422,90 € que pretendían pagar os socialistas, o custe real do Plan de Asfaltados de Cervo (Plan Placer) subscrito polo grupo socialista estando en funcións de Goberno foi tan só de 1.138.607,45 € (un 43% do inicialmente presupostado e valorado):
Custe inicial contratado polo Goberno local do PSOE 2.626.422,90 €
Recuperado/aforrado polo Goberno local do PP 1.487.815,45 €
CUSTE REAL 1.138.607,45 €
(43% do inicialmente presupostado)