Nota de Prensa
HORACIO CUPEIRO AMÓSASE MOI SATISFEITO DO DISCURRIR DAS XIII XORNADAS AMBIENTAIS QUE SE CELEBRAN EN RIBADEO E ANIMA AOS VECIÑOS A ACUDIR ÁS ÚLTIMAS CONFERENCIAS NAS QUE SE FALARÁ DE URBANISMO E DO PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL.
Ribadeo, 15 de setembro de 2010. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, amósase moi satisfeito do discurrir das XIII Xornadas Ambientais que se celebran en Ribadeo e anima aos veciños a acudir mañá ás últimas conferencias nas que se falará de urbanismo e do Plan de Ordenación do Litoral.
Cupeiro dixo estar “moi contento por cómo están a discurrir as XIII Xornadas Ambientais, tanto pola súa participación como polos relatores que están a dar unhas charlas moi interesantes. Mañá é un día moi importante dentro deste evento polo que invito a todas as veciñas e aos veciños de Ribadeo a acudir ao auditorio municipal a escoitar a unha serie de persoas moi acreditadas nas súas materias e que van tratar cuestións tan interesantes como as actuacións de Augas de Galicia na Mariña lucense ou o urbanismo sustentable. Deste asunto falarán José Luis Losada López, secretario xeral de Ordenación do Territorio; Alberte Rodríguez González, presidente do Colexio de Arquitectos de Lugo ou Daniel López Vispo, membro da xunta directiva de Adega. A eles poderemos plantexarlles un montón de preguntas sobre a lexislación urbanística”.
O responsable de Medio Ambiente engadiu que “despois pola tarde teremos unha sesión extraordinaria posto que estará Manuel Borobio, director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, tamén estará Francisco Javier Sanz Larruga que é profesor titular de dereito administrativo e director do Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña e Carlos Gil Villar, conselleiro técnico da Demarcación de Costas en Galicia. E ao final teremos unha conferencia de clausura que será pronunciada por Domingo Gómez Orea, doutor enxeñeiro agrónomo e catedrático de Medio Ambiente, Ordenación Territorial e Planificación do Desenvolvemento Sostible na Universidade Politécnica de Madrid, é autor de 25 libros e deu máis de 200 conferencias a nivel internacional. E xa ás oito será o acto de clausura e a entrega de diplomas”.
A Horacio Cupeiro gustaríalle que “diante od interés que despertan temas como o Plan de Ordenación de Litora e o urbanismo a xente acuda e pregunte, que non sexamos só os políticos os que lles contemos determinadas cousas, senón que con técnicos e políticos se entable un debate que sempre é o que se persigue”.