Site icon Crónica3.com A Mariña

Todos os partidos da corporación de Ribadeo votaron a favor das alegación ao POL agás o PP

Nota de prensa:

POR UNANIMIDADE FORON APROBADOS OS FESTIVOS LOCAIS PARA O ANO 2011 EN RIBADEO. SERÁN O 16 DE AGOSTO E O 8 DE SETEMBRO. ADEMÁIS, NO PLENO DE ONTE, BNG, PSOE E UPRI VOTARON A FAVOR DAS ALEGACIÓNS Á APROBACIÓN DO POL.

Ribadeo, 21 de setembro de 2010. Por unanimidade se aprobaron no pleno celebrado onte no Concello os festivos locais para 2011 que serán o 16 de agosto e o 8 de setembro. Ademáis BNG, PSOE e UPRI votaron a favor das alegacións á aprobación do Plan de Ordenación do Litoral e o PP abstívose.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “aprobamos por unanimidade os festivos locais de 2011 que serán os mesmos que os deste ano: 16 de agosto (San Roque) e 8 de setembro (día da patrona). E o punto máis importante foron as alegacións á aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral que contou co voto favorable de BNG, PSOE e UPRI á hora de reiterar as alegacións que fixemos no seu día en forma de suxerencias e que non foron estimadas casi na súa práctica totalidade por parte da Xunta”. O rexedor subliñou que “na sesión presentóuse un informe xurídico onde plantexa as súas dúbidas sobre a legalidade do POL, tal e como se está levando adiante, sin que estean aprobadas definitivamente as directrices de ordenación do territorio. Neste punto o PP abstívose, supoño que por non afearlle a política da Xunta que é da súa mesma cor, pero a nós máis aló de sintonías, simpatías ou antipatías preocúpanos que si ese POL se aproba tal e como está vai incidir en calquera tipo de desenvolvemento urbanístico posterior, todo terá que adaptarse ao POL e non ao revés como sostén o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, polo menos nas visitas cursadas a Ribadeo, pero nós humildemente discrepamos desa posición”.

No que ten que ver coas mocións, Suárez Barcia relatou que “había unha do PP sobre o aprazamento da devolución das liquidacións negativas dos exercizos de 2008 e 2009 que saiu adiante cos seus únicos votos. O resto dos grupo decidimos absternos aínda que desde o BNG plantexámoslle unha enmenda para que non soamente fose referida á política do Estado senón que se tivesen en conta as administracións locais que tamén teñen que devolver diñeiro das liquidacións negativas dos exercizos anteriores. O PP non aceptou a enmenda e nós abstivémonos”.

O alcalde engadiu que “había outra moción do BNG contra os recortes sociais aprobados polo goberno do Estado e polo goberno autonómico. A votación decidimos dividila, o que tiña que ver cos recortes do Estado foi aprobado cos votos a favor do BNG e do PP e o que era contra os recortes da Xunta non colleitou máis apoios que os do BNG. Máis aló desta cuestión particular o que entendemos que non é de recibo é plantexar determinadas políticas moi restrictivas, sabemos que a situación é crítica, que hai que recortar e que hai que gastar menos, pero quizáis o que ten que facer o Estado sexa diminuir os gastos militares, suprimir ministerios con competencias que xa foron transferidas ás comunidades autónomas e facer unha reformulación da administración periférica do Estado, ou voltar a poñer o imposto de patrimonio que só afecta a unha pequena parte da poboación, pero que ten moitos recursos, e quizáis con iso se evitaría ter que conxelar as pensións por poñer por caso. Iso non colleitou o apoio do PSOE aquí en Ribadeo, que defendeu ardentemente a política económica do goberno do Estado e polo tanto a cidadanía será que xulgue as actuacións duns e doutros”.

O rexedor dixo que “logo no que ten que ver cos rogos e preguntas, hóubos de todos os grupos, uns razoables para amañar un bache, para poñer un espello, para reparar un banco, etc… e logo outros que levan un contido máis polémico con ánimo de desgastar ao goberno. Están no seu papel e hai que aceptalo así”.

Exit mobile version