NOTA DE PRENSA:
40 asociacións de base organizan un encontro cultural da Mariña e a Terra Chá
Riotorto acolle a última fin de semana de setembro a Feira da Cultura
O vindeiro 24, 25 e 26 de setembro o concello de Riotorto vai acoller un encontro cultural organizado por máis de 40 asociacións culturais da Mariña e da Terra Chá. Esta Feira da Cultura ten como obxectivo ser un espello do traballo desenvolto polo movemento cultural de base así como divulgar entre a poboación o traballo de creación nos diferentes ámbitos culturais.
As asociacións organizadoras con estas xornadas queren poñer en común as iniciativas que levan a cabo en marcha individualmente, verificar que é posíbel e tamén necesario articular un espazo de referencia para unha cultura non mercantilizada e non dependente das axudas públicas e contrastar as potencialidades de sumar sinerxias e de que o movemento cultural galego tire nunha mesma dirección desde a súa diversidade sobre os seus campos de traballo. Neste sentido cómpre destacar que as máis de 50 actividades que se van desenvolver na última fin de semana de setembro fanse sen ningún tipo de axudas públicas e van ser financiadas a través da venda de bonos e das achegas dos propios colectivos culturais. Os colectivos que participan nesta xornada cobre un amplo abano do movemento asociativo, desde grupos feministas (Observatorio da Mariña pola Igualdade), defensa do patrimonio (Mariña Patrimonio ou Arrincadeira de Riotorto), deportivas (Liga Nacional de Billarda ou Clubes de Bolos), ecoloxistas (ADEGA…), xuvenís (Chilindrín,Galiza Nova…), lecer (Irmandade de San Caetano) ou culturais(A Pomba do Arco, Buril, Francisco Lanza, Ollomao, Emedemeira…).
A diversidade das asociacións convocantes vai ter tamén a súa plasmación nas actividades nas que se misturan desde a presentación de libros, a obradoiros de sexualidade, roteiros polo patrimonio e o medio natural, concertos, recitais poéticos, representación teatrais, proxección de curtas de creación e tamén de documentais, exposicións das asociacións ou de novos creadores, competicións de xogos tradicionais, animación de rúa, venda de libros e música galega, ou conferencias. Algúns dos participantes nas actividades destas xornadas serán persoas recoñecidas do panorama cultural galego como Mini e Mero, Susana Seivane, Pilar García Negro, Ugia Pedreira, Xavier Baixeras, Miguel Anxo Fernán Vello, Luísa Castro se ben o auténtico protagonista do evento van ser os novos creadores, as asociacións culturais e as xentes da Mariña, da comarca de Meira e da Terra Chá que son a base material que sustentan este corpo que nos chamamos cultura galega. Neste sentido queremos lembrar que a praza das Rodrigas en Riotorto acollerá stands de todas as asociacións participantes que expoñerán material coas actividades que desenvolven e asemade queremos convidar o conxunto do movemento asociativo galego a que se sume a esta actividade, poñéndose en contacto con nós para colocar un posto da súa entidade se así o desexan.
As entidades convocantes queren convocar a toda a nosa poboación a participar desta actividade que pretende ser unha mostra da viveza da cultura galega, da necesidade dun forte movemento cultural onde a sociedade xogue un papel protagónico fronte á cultura programada que opera como un amnésico convertindo o cidadán en espectador, da seguridade de que un tecido cultural de base activo é a garantía de futuro para a cultura galega e tamén para os que formamos parte dese corpo cultural.