Nota de Prensa
ANTONIO VEIGA ASISTIU AOS ACTOS DE INAUGURACIÓN DA OBRA DE SAN PEDRO DE ALCÁNTARA
O delegado de Cutura da Deputación tamén asistiu ao espectáculo musical Iacobus, que a Escola de Música de Mondoñedo estreou para a ocasión
MONDOÑEDO, 13 de setembro de 2010. O delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, visitou esta tarde a igrexa de San Pedro de Alcántara, en Mondoñedo, onde se realizaron obras co obxectivo de restaurar e rehabilitar o monumento e o seu contorno, xa que tamén se acondicionaron varios espazos que rodean o edificio.
Aos actos desta tarde, que se enmarcan no programa das festas dos Remedios que se celebraron a pasada fin de semana no concello, tamén asistiron o alcalde mindoniense, Orlando González, o concelleiro de Cultura, Xusto Fernández, e o subdirector xeral de Arquitectura do ministerio de Vivenda. Tralo acto de inauguración destas obras nas que se acondicionou unha praza, xunto á igrexa, que levará o nome de Xaime Cabot, tivo lugar o espectáculo que a Escola de Música de Mondoñedo preparou especialmente para a ocasión.
A representación, titulada Iacobus, está ambientada no século XII e conta a historia dun rapaz e as súas experiencias recorrendo o Camiño de Santiago, arrancando no porto de Porcillán ribadense, e mostra o forte vínculo que une ao protagonista coa súa terra e as súas raíces. O libreto e os traballos de instrumentación, así como a preparación vocal e a dirección dos alumnos e alumnas que participan na representación, foron elaborados por dous mestres da Escola, Xulia Nogueira e Xan Carballal.