NOTA DE PRENSA:
A EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA LEMBRANZAS DO MAR UBICADA NA PRAZA DO CONCELLO DE BURELA CHEGA AO SEU FIN.
Burela, 3 de setembro de 2010. A exposición fotográfica Lembranzas do mar II ubicada na praza do Concello chega ao seu fin. A edil de Mar, Remedios López, subliña que “é unha homenaxe que esta Concellaría adicou a todas aquelas xentes que axudaron e participaron de distintas formas a que Burela saíra adiante e fora coñecida, a través da historia, pola súa tradición mariñeira de pesca artesán de gran calidade”.
A concelleira socialista dixo que “esta exposición ubicada ao aire libre na praza do Concello foi inaugurada a finais de maio do 2010 facéndoa coincidir coas festas patronais, polo alcalde Alfredo Llano. Dada a grande acollida que tivo pola xente a edición anterior xa se contaba deixar durante todo o verán para poder visitala e disfrutar dela. Agora unha vez rematada a época estival recolleráse nos vindeiros días de setembro para que as inclemencias meterolóxicas non deterioren os paneis. Unha vez restaurada colocaráse de forma definitiva no peirao de Burela igual que a anterior para poder seguir disfrutando dela e que continúe a súa misión de plataforma cultural. Pretende así alcanzar unha maior concienciación e sensibilidade sobre o mundo do mar, potenciando o seu afianzamento como marco xerador de emprego e desenrolo socioeconómico”.
Remedios López lembrou que “esta exposición consta de 45 paneis de 1×1,5 m que relatan a través de fotos e imaxes cómo eran os nosos antepasados e as súas formas de vivir da pesca, dos barcos, das xentes nos barcos, das redeiras, da conserveira…”. A responsable de Mar engade que “esta exposición fíxose con fotos procedentes do arquivo da Concellería do Mar e do arquivo fotográfico que cede de forma altruísta a asociación Casas Baratas e tamén da colaboración de todo o pobo que dona as súas fotos xa que lles gusta ver retratados aos seus antepasados ou a eles mesmos na súa infancia. Quero lembrar que o arquivo fotográfico permanece aberto e todas aquelas persoas que teñan fotos antigas relacionadas co mundo do mar e queiran velas expostas na próxima exposición, poderán traelas ao Concello onde lle faremos unha copia e devolveremos intactos os orixinais”.