Site icon Crónica3.com A Mariña

Patrimonio recórdalle á Deputación que ten pendentes dous informes sobre a ponte de Arante en Ribadeo

Nota de prensa:
PATRIMONIO RECORDA QUE A DEPUTACIÓN DE LUGO NON XUSTIFICOU A NECESIDADE DE DERRUBAR A PONTE DE ARANTE E ADEUDA DOUS INFORMES AO RESPECTO

* A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, lamenta que o organismo provincial “non amose tanta dilixencia como esixe aos demais” para resolver a situación

Lugo, 30 de setembro de 2010.- A Dirección Xeral de Patrimonio esixe á Deputación de Lugo que xustifique a necesidade de derrubar a Ponte de Arante, en Ribadeo, e dado que as comunicacións que recibe do organismo provincial non se pronuncian ao respecto, xa reclamou nas últimas datas o envío en concreto dun informe xeotécnico e un informe hidráulico que serán revisados por un técnico cualificado que ditaminará se o derribo é inevitable.

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, lamenta polo tanto que “a Deputación non amose tanta dilixencia como esixe á Xunta para resolver este tema, xa que seguimos á espera deses informes, que resultan imprescindibles para tomar unha decisión sobre o proxecto, demorando, para o prexuízo dos veciños da zona e os usuarios que pasan por alí”.

Ata o de agora, a Deputación limitouse a insistir na súa proposta de demoler a actual estrutura e substituíla por outra completamente nova. Dado que está situado no Camiño de Santiago e no entorno da Capela das Virtudes, un ben inventariado pola Dirección Xeral de Patrimonio, a Xunta demanda rigor na proposta antes de admitir a desaparición da ponte.

A delegada territorial considera que as críticas do presidente da Deputación sobre a actuación de Patrimonio están totalmente fóra de lugar. “A Dirección Xeral de Patrimonio está para informar proxectos, non para elaboralos –explica-, e en todo caso foi clara dende o primeiro momento nos seus requirimentos á Deputación, que xa hai tempo que tiña que telos atendido”.

Raquel Arias insiste en que “non cabe apremar á Xunta cando é a Deputación a obrigada a dar o seguinte paso”, e asegura que “Patrimonio resolverá no menor tempo posible en canto dispoña dos informes xeolóxico e hidráulico solicitados”.

Por último, Arias considera que o presidente da Deputación “está a poñer escusas en vez de solucións” para abordar a obra, xa que “agora apela ao caudal que terá o río na época invernal, como antes apelou ao custo ou o tempo que levará a súa execución”.

Exit mobile version