PARDEIRO: ‘TOMAREMOS A INICIATIVA ANTE O VALDETIRES, EVITANDO QUE SE APROVEITE DE CONTRAATAQUES’
Antes do comezo ligueiro e para poñerse a ton, o Burela FSF Pescados Rubén afrontará esta fin de semana a fase final da XX Copa Galicia (Celanova, 11-12).
O adestrador laranxa, Javier Pardeiro, analizou o próximo reencontro co Valdetires Ferrol (sábado, 19.30 horas) tras o 4-2 favorable ás mariñás na fase de grupos. “Tomaremos a iniciativa da semifinal e asumiremos o papel de equipo arriscado, evitando que o rival se aproveite de contraataques. As ferrolás cederannos a posesión do balón, á espera dos nosos erros”, explicou o técnico burelista.
O principal hándicap para Pardeiro e as súas xogadoras nesta cita reside na escasa amplitude de vestiario para asumir dous hipotéticos encontros. “Estamos nun bo momento físico, mellor que na fase previa, pero temos un cadro moi reducido en comparación cos rivais” confesou o adestrador laranxa barallando as posibilidades de validar o título da Copa: “Na outra semifinal, Cidade das Burgas e Ponte Ourense posúen un cadro máis extenso, ao que hai que engadir o cartel de favorito do Ponte, que conseguiu os mellores reforzos da liga, coas internacionais Sarita, Ampi e Eva, sen esquecer a ex-burelista Raquel de Souza”.
Na preparación de 2010-11, Pardeiro extraeu un balance positivo da pretempada laranxa. “O Burela está traballando ben; durante este mes acumulamos traballo físico, asumimos o sistema de xogo e o papel de cada xogadora; co comezo da competición tocaranos pulir detalles como a defensa adiantada” dixo o técnico burelista, que tamén fixo referencia á esixencia da liga de Honra: “Estou moi satisfeito co labor das xogadoras, pero precisamos reforzos en corte defensivo e goleador. O club está traballando en posibles incorporacións que nos darán tranquilidade de cara ás lesións e carga física” concluíu o mariñán.