Os máis de 30 millóns de euros que o Goberno que lidera Núñez Feijóo está a investir nas obras do treito de competencia autonómica do corredor, entre San Ciprián e Celeiro, aos que hai que engadir os 27 millóns máis nos que está orzamentado o futuro enlace por Magazos da variante de Viveiro, contrastan cos cero euros, nin un só céntimo, que o Goberno socialista central vén de achegar nestes últimos anos para o treito da súa competencia, o que unirá as localidades de San Ciprián e Barreiros.
Esta evidente desigualdade de trato pon de relevo dúas formas moi diferentes de apostar polo futuro da Mariña: Mentres que a Xunta se empeña e traballa para cumprir, outros, os distintos gobernos socialistas nin cumpren, nin nunca cumpriron. De feito, tivo que acceder de novo o PP á responsabilidade de Goberno en Galicia para que se iniciara por primeira vez na historia as obras no treito lucense do corredor e se impulsara a tramitación administrativa dos tramos restantes de competencia autonómica. Nin PSOE nin BNG foron quen desde a Xunta en construír un só quilómetro lucense do corredor. O bipartito non só foi incapaz de facelo, senón que incluso mantivo paralizada a redacción dos proxectos e a tramitación administrativa dos mesmos.
A realidade dos feitos é teimuda e seguro provoca grandes dores de cabeza nos socialistas que pese a iso non dubidan en manipular e acusar ao PP de mentir. Pero mentres que todas e cada unha das adxudicacións, licitacións, e resolucións sometendo a información pública os trazados competencia da Xunta forman parte do DOGA, e poden consultarse no diario oficial, os datos e compromisos de Jose Blanco son meras promesas, declaracións de intencións, palabras que leva o vento… dun Goberno, o socialista, que perdeu toda a credibilidade despois de tantos enganos e incumprimentos.
Se algo quedou claro tras a comparecencia do Ministro Jose Blanco no Congreso, rectificando con tibieza nos seus recortes, é que no seu Ministerio non existen compromisos claros de investimento e todo son xeneralidades. Unha vez máis o Goberno de Zapatero é incapaz de comprometerse a dar datas e cifras concretas: nin o fai para o treito estatal do corredor que para eles nin tan sequera existe, nin tampouco para a autovía do Cantábrico, que atrasa aínda máis a súa execución no tempo, despois de que as empresas que construían a vía retiraran as súas máquinas e despediran aos seus traballadores porque Fomento non efectuaba os pagos.
O Goberno socialista non está a cumprir coa débeda histórica que ten con Galicia e coa Mariña, e o Ministro Jose Blanco confirmou que o diñeiros dos nosos impostos, que saen tamén dos petos dos galegos, van para Cataluña e Andalucía. En definitiva, mentres a Xunta está a traballar para dotarnos das infraestruturas viarias que outros nos negan e nos negaron, o PSOE desde o Executivo central consuma unha burla a todos os veciños da Mariña que non ten precedentes e que, non o dubiden, terá a súa resposta.