Nota de Prensa
O VALEDOR DO POBO ADMITE UNHA QUEIXA POLA OPACIDADE DO ALCALDE DE CERVO SOBRE O PXOM
O Grupo socialista acusa a Villares de “torpedear sistematicamente” o labor de oposición
CERVO, 25 DE SETEMBRO. O Valedor do Pobo vén de admitir a trámite unha queixa presentada polo Grupo Municipal Socialista de Cervo sobre a opacidade do alcalde ó respecto do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que o PSOE solicitou en un total de tres ocasións sen conseguir ter acceso ó documento.
En resposta á queixa formulada, o Valedor do Pobo comunicou ós socialistas cervenses que “unha vez estudada”, dáse por admitida “ó entender que reúne os requisitos formais recollidos na Lei do Valedor do Pobo”. “En consecuencia, iniciamos as actuacións oportunas ante o Concello de Cervo”, anunciou.
Xa 7 meses de espera
Os socialistas cervenses levan solicitando, sen éxito, coñecer a documentación do PXOM dende hai 7 meses. O alcalde, Alfonso Villares, prometeu xa no mes de febreiro unha reunión informativa que ata o de agora non se ten convocado.
O Grupo Municipal socialista considera que o alcalde “o que fai é entorpecer o labor do grupo da oposición, torpedeando sistematicamente o noso traballo sen cumprir prazos e, o que é peor, dando un claro exemplo da opacidade do Concello e da súa forma de traballar”.
De feito, o Grupo Socialista presentou por escrito unha solicitude para coñecer o contido do PXOM o 8 de febreiro e, dada a ausencia de resposta, de novo o 20 de maio.
En ambos, casos, a Xunta de Goberno local na que se valorou a petición acordou informar ós socialistas nunha reunión. Concretamente, con motivo da petición formulada en maio, a Xunta de Goberno Local acordou comunicar ó PSdeG “que se ten previsto convocar unha reunión, proximamente, na que participarán os técnicos redactores”.
Ante a ausencia de convocatoria da anunciada reunión, os socialistas de Cervo decidiron acudir ó Valedor do Pobo, ó que trasladaron a súa impotencia para coñecer “unha documentación de vital importancia para o desenvolvemento urbanístico do concello”.
Vulneración reiterada de dereitos
No escrito ó Valedor, os socialistas fan constar que o PXOM “foi demandado ó alcalde en tres ocasións, recibindo sempre por parte do Concello de Cervo a indicación de que ían convocar unha reunión proximamente, pero esa reunión aínda non se ten producido nin os concelleiros socialistas puideron ter aceso á información solicitada”.
“Vémonos impotentes para realizar de forma digna o noso labor de oposición neste concello, ó non poder obter información, e entendemos que se están a vulnerar os nosos dereitos de forma reiterada”, explicou o PSdeG ó Valedor.