A palabra “romaría” ven de “Roma” e designaba a peregrinaxe dos católicos á cidade papal. Co tempo o termo acabou aplicado á viaxe a calquera lugar sagrado da cristiandade. En Galicia abundan os santuarios, consagrados a diversas advocacións, desde o Santo Cristo ata os dedicados á Virxe María, os mais numerosos, e outros que se erguen na honra de santos, coma o caso que referimos. Ás veces a orixe das romerías còntase en lendas de feitos sobrenaturais: as mais comúns son as aparicións, o achádego de imaxes (como a Virxe do Cristal que cantou Curros) ou outro tipo de miragre. Así, pois, as supersticións e as curas miragrosas aparecen como razóns de existir das romerías, ás que en tempos acudían profesionais das curacións que exercían a función en base á infruencia que decían ter co santiño titular do santuario. Alvaro Cunqueiro, no seu libro “Escola de manciñeiros” conta como Leivas de Vereda, curandeiro famoso, nunha ocasión acompañou a unha viuva de Folgoso ó San Alberte de Baamonde. A boa da muller presentaba un cadro clínico curioso: escupía graus de millo, que non metera antes na boca, viao todo de cor bermella e quedábase afónica. Cando san Alberte lle deo a mirada a Leivas, é decir, que lle prestou atención, e o curandeiro lle pasou ó santo o nome e a doenza da romeira, pedíndolle a súa curación, San Alberte meneou a cabeza e díxolle: — ¡Coño, Leiviñas!; tamén me traes cada caso… ¡ As romarías, como as festas e os mercados, escribe Taboada Chivite, son amais de testemuño de piedade e degoro relixioso lugares de reunión e convivencia social. Tres elementos xiran arredor da romaría: un sustrato relixioso que empuxa ós crentes a peregrinar; un impulso dionisíaco que leva, a crentes ou non, ó campo da festa para dar boa conta dos manxares, e o pretexto para reunirse unhas horas alegres sen mais complicacións. O San Campio responde a esta tipoloxía. Foi de sempre unha romaría moi concurrida, o que no ano l926 fíxolle decir a Lence Santar, cronista de Mondoñedo::“…vendo polo setembro / ir de troula á romaría / do San Campio de Fazouro / a toda a novez da Mariña”.
Suso Fernández