Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo solicita ao concello un pleno extraordinario sobre o ERE de Sargadelos

Nota de Prensa

O PSOE DE CERVO SOLICITA Ó CONCELLO UN PLENO EXTRAORDINARIO SOBRE O ERE DE SARGADELOS

Aposta por un plan de viabilidade que asegure “a continuidade de todos os postos de traballo”

CERVO, 07 DE SETEMBRO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo vén de solicitar ó Concello a celebración dun Pleno Extraordinario co obxectivo de que a Corporación municipal solicite á Consellería de Traballo e Benestar o rexeitamento do ERE presentado pola empresa Sargadelos. Os socialistas de Cervo argumentan que “non se dan as condicións obxectivas que aduce a empresa para acceder ás súas pretensións”.

No escrito de solicitude do Pleno Extraordinario, presentado no rexistro onte, o Grupo Socialista propón que a Xunta de Galicia facilite “a cobertura das necesidades financeiras a curto e medio prazo, mediante avais ou axudas de capital, ó igual que se está facendo noutras empresas, para garantir o seu funcionamento normal”.
Plan de viabilidade

Os socialistas cervenses pretenden que o Pleno da Corporación municipal defenda un Plan de Viabilidade “negociado entre a propia Xunta de Galicia, a empresa e os representantes dos traballadores”, que asegure a continuidade da empresa Sargadelos.

O Grupo Socialista fai fincapé na necesidade de manter a pervivencia do “proxecto industrial singular” de Sargadelos e, “sobre todo”, en que “se asegure a continuidade de todos os postos de traballo, sen modificacións traumáticas do cadro de persoal actual, debendo ser acordada calquera modificación”.
En xogo 34 postos de traballo

O pasado día 4 de agosto Sargadelos presentou ante a Consellería de Traballo e Benestar un expediente de regulación de emprego extintivo, solicitando ó Goberno galego a correspondente autorización para proceder ó despido de 34 traballadores e traballadoras do seu cadro de persoal. Segundo a empresa, este expediente está baseado en causas produtivas, económicas e organizativas.

O PSOE advirte de que, de consumarse estas pretensións, o ERE afectaría ó 30% do cadro de persoal da empresa, maioritariamente formado “por mulleres que levan toda a súa vida laboral dedicada a esta empresa”. Esgrime que esta posibilidade “agravaría o problema social que se produce na Mariña Luguesa, sobre todo cando a propia empresa recoñece que a compoñente base da produción e da acción da Fábrica de Cerámica de Sargadelos S.L. é xustamente a compoñente humana”.

Para o Grupo Municipal Socialista de Cervo, hai que ter en conta ademais “que estamos diante dun ERE que afecta a unha empresa singular, que aparte da compoñente industrial, ten unha vertente de identidade cultural da Mariña onde se radica, pero tamén da provincia e Lugo e do conxunto de Galicia no resto de España, e mesmo no estranxeiro”.

Para os socialistas, Sargadelos “foi e é un exemplo de saber combinar a actividade industrial artesanal e produtiva, coa identidade cultural, cos valores sociais e artísticos, creando unha marca de prestixio coa calidade e a orixinalidade coma referente, con deseños baseados en motivos relacionados coa tradición e coa cultura de Galicia”.

Exit mobile version