Nota de Prensa
O PSOE ACUSA Ó ALCALDE DE CERVO DE ABANDONAR ÁREAS NATURAIS DO MUNICIPIO
Os socialistas cervenses critican que Villares encomende a alumnos de obradoiros de emprego a realización de tarefas de limpeza que nin sequera son de competencia municipal
CERVO, 23 DE SETEMBRO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo denuncia que o Alcalde, Alfonso Villares, está a ordenar a realización de obras de limpeza viaria que non son de competencia municipal, cando, paradoxicamente, abandona áreas naturais do municipio que presentan un aspecto deplorable1.
Os socialistas de Cervo aclaran que a Deputación de Lugo abordou os traballos de mantemento da infraestrutura viaria da localidade a través da empresa concesionaria deste servizo. Así pois, manifestan a súa sorpresa polas declaracións ó respecto da concelleira de Medio Ambiente, Pilar Armada.
O Grupo Socialista replica que a descrición de “vagancia e inoperancia” só poder ser aplicada a Villares e ó seu equipo. En primeiro lugar, por abandonar durante meses áreas do concello de interese ambiental. En segundo lugar, por dedicar recursos municipais a tarefas que non son da competencia do Concello.
Utilización partidista dos obradoiros de emprego
En relación con isto, o PSdeG-PSOE cervense considera tamén inaudito que se lle estean encomendando tarefas de mantemento de infraestrutura viaria a alumnos-traballadores de obradoiros de emprego. Os socialistas recordan que os obradoiros de emprego teñen como misión última formar nunha determinada área de actividade ós desempregados participantes, quen durante o seu período formativo desenvolven proxectos de carácter diverso de interese municipal.
O Grupo Municipal Socialista destaca, non obstante, que os proxectos desenvolvidos polos obradoiros de emprego han de ter unha misión construtiva dentro do ámbito de competencias e necesidades municipais, no canto de ser manipulados para a confrontación política, para exhibir unha crítica á Deputación carente por completo de fundamento.