Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE acusa ao alcalde de Cervo de “protexer os seus intereses persoais en relación ao ERE de Sargadelos

Nota de prensa:
O PSOE acusa a Villares e a Balseiro de falsedade e de deixar de lado ós veciños
Os socialistas cervenses consideran que o equipo de Goberno de Cervo se limita a protexer os seus intereses persoais en relación co ERE de Sargadelos

CERVO, 30 DE SETEMBRO. O Grupo Municipal Socialista de Cervo considera que o alcalde, Alfonso Villares, e o primeiro tenente de alcalde, José Manuel Balseiro, actúan dando a espalda ós veciños, actuando con falsedade en relación coa petición á Xunta de rexeitamento do último ERE presentado pola empresa Sargadelos.

O socialistas cervenses cualifican de incomprensible que Balseiro votara no Parlamento de Galicia en contra dunha iniciativa para rexeitar o devandito ERE, cando previamente lle dera o visto bo a unha iniciativa análoga no Pleno do Concello.
Dualidade sen xustificación

Por este motivo, o PSdeG-PSOE de Cervo acusa ó tenente de alcalde de defender unicamente os seus intereses persoais, e en ningún caso os intereses dos veciños. “Non se entende nin se pode xustificar esta dualidade de defender unha cousa en Cervo e outra totalmente distinta en Santiago”, critica.

Os socialistas fan fincapé en que “o señor Balseiro defende o seu sillón seguindo directrices do PP e deixando de lado ás personas afectadas polo ERE, así como o futuro dunha empresa como Sargadelos, con todo o que esta significa, non só a nivel local ou provincial, senón para Galicia”.
Competencias da Xunta de Galicia

Por outra parte, o Grupo Municipal Socialista de Cervo recrimina a Villares que “bote balóns fóra” coa afirmación de que a culpa da aceptación do ERE é o informe da Inspección de Traballo e, por conseguinte, do Estado.

Neste sentido, os socialistas aclaran que esta valoración é “totalmente falsa”, dado que os informes da Inspección de Traballo son preceptivos e non vinculantes. Asemade, puntualizan que as competencias da Inspección dependentes do Ministerio de Traballo e Inmigración son as correspondentes á Seguridade Social (legalidade do contrato, vacacións, número de horas da xornada laboral, etc). “Quen ten as competencias en materia laboral é a Xunta de Galicia, que podía ter rexeitado o ERE”, precisan.

Así pois, o PSdeG asegura que “tanto Balseiro como Villares dan a espalda ós seus veciños, prevalecendo os seus intereses persoais, no canto de loitar e intentar que este ERE fose rexeitado pola Xunta, tal e como se pediu dende o Concello como dende o Parlamento”.

Exit mobile version