Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación propuxo un pacto para crear 540 empregos aos representantes de 58 concellos

Presidente da Deputación propuxo un pacto para crear 540 empregos aos representantes de 58 concellos

Nota de Prensa

Besteiro pacta cos Alcaldes a súa colaboración no programa que insertará a 500 desempregados lugueses en profesións de futuro

– O Presidente anuncia que, debido á avalancha de solicitudes de persoas en paro para participar no Pacto Provincial polo Emprego, o INLUDES amplía a inscrición ata o 30 de setembro

– As persoas inscritas terán unha bolsa de 400 euros mensuais. A formación, que suma un total de 15.000 horas e 60.000 de prácticas en empresas, arranca o vindeiro mes

– O titular provincial subliña que “poñemos en marcha para o periodo 2010-2011 esta iniciativa que é importante para os Concellos; unha medida que nos permite afrontar un ano difícil. Traballar en común e a finalidade deste programa”

– Para asegurar a continuidade no futuro deste programa, a Deputación creará un “Infojobs” provincial, é dicir, o primeiro portal de busca de emprego de Lugo

No arranque do novo curso político, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, propuxo ós alcaldes e técnicos municipais un pacto para crear 540 empregos nas profesións con máis futuro da provincia. “Poñemos en marcha para o periodo 2010-2011 esta iniciativa que é importante para os Concellos; unha medida que nos permite afrontar un ano difícil, no que temos menos recursos. Formar ós nosos desempregados e traballar en común e a finalidade deste programa”, afirmou.

Na xuntanza que tivo lugar na Deputación e na que participaron Alcaldes de técnicos de 58 Concellos, Gómez Besteiro explicou o papel clave que terán os Concellos e fíxoos co-partícipes no programa da Deputación Pacto Provincial polo Emprego porque “o obxectivo é conseguir que os máis de cincocentos desempregados de toda a provincia reciban formación especializada e que sirva para crear traballo en áreas que nada teñen nada que ver coa demanda de hai tres anos”.

O Presidente ofreceu ós Concellos facer de intermediarios entre os seus veciños desempregados, que non estean censados no municipio de Lugo, e a Deputación en fases concretas do ambicioso programa provincial: “Os Concellos sodes clave na captación das persoas en paro, na súa selección para que nós as formemos, na escolla dos mellores lugares para impartir dita formación, na elección de futuras empresas para facer prácticas remuneradas e na difusión do primeiro portal de emprego provincial que imos poñer en marcha”. A Deputación e a Unión Europea farémonos cargo de todos os custes económicos do programa, así como da organización e execución de cada paso, ademais da formación dos técnicos de emprego.

O Pacto Provincial polo Emprego dispón de preto de 4 millóns de euros financiados pola Deputación nun 20% e o Fondo Social Europeo no 80% restante.

Éxito de convocatoria

A fase actual é a inscrición de futuros beneficiarios que comezarán unha intensa formación remunerada. A formación de 540 persoas completarase con prácticas profesionais en empresas e titorías individualizadas. O Presidente anunciou que, debido á avalancha de solicitudes que rexistrou o INLUDES nas últimas semanas, ampliará o prazo de inscrición -fixado inicialmente para o 15 de setembro- ata o 30 deste mes. As persoas que cumpran as características poderán realizar a inscrición de 8:00 a 15:00 horas, chamando ó teléfono do INLUDES 982 265 334 e no correo electrónico pactoemprego@deputacionlugo.org.

A formación comprenderá 45 cursos dirixidos a desempregados de todos os Concellos, excepto o de Lugo que, ó ter máis de 50.000 habitantes, conta co seu propio programa. En total suma máis de 15.000 horas de formación e 60.000 de prácticas en empresas. Ademais, os beneficiarios recibirán unha axuda económica tanto na formación como nas prácticas equivalente ó 75% do IPREM, é dicir, uns 400 euros mensuais.

Para coordinar todo o territorio, por vez primeira descentralizarase un programa europeo da Deputación: os concellos disporán de 3 oficinas técnicas –no norte, sur e centro, que abrirán a súas portas neste mes. As dúas primeiras en espazos cedidos gratuítamente por concellos e a do centro, no propio INLUDES- con persoal que se desprazarán onde faga falta, aínda que todos os Concellos xa recibiron material informativo. Asesorarán tamén ós alumnos que, no futuro, opten por montar a súa propia empresa, ben como autónomos ou como PEMES.

Cando remate a inscrición, comezará a selección dos beneficiarios. A semana pasada os responsables do programa xa se puxeron en contacto cos técnicos municipais para darlles a formación necesaria para a realización da primeira entrevista persoal, na que a Deputación tamén quere que participen os Concellos.

Seleccionados ós beneficiarios e a formación correspondente para cada un, a Deputación consensuará cos concellos os lugares máis idóneos para impartir a formación, xa que un bo emprazamento é clave na asistencia do alumnado.

Unha vez rematada a formación, a Deputación buscará as empresas para as prácticas profesionais, procurando que estén o máis próximas ós seus domicilios. Deste xeito, malia que as competencias en materia de políticas activas de emprego están transferidas á Xunta de Galicia, o organismo provincial pon en marcha esta iniciativa, co obxectivo de reducir o desemprego.

Infojobs lugués

Complementariamente e asegurando que o Pacto teña continuidade no futuro, a Deputación estreará a principios de outubro o primeiro portal de emprego provincial. Esará na web oficial: www.deputacionlugo.org. Será semellante a portais internacionais de busca de emprego, como o famoso “Infojobs”, de tal xeito que a Deputación actuará de intermediaria na provincia, poñendo en contacto ás empresas con traballadores cualificados. Neste caso, tamén os Concellos poden contribuir coa difusión desta ferramenta no seu territorio e coa incorporación de empresas ou desempregados que eles mesmos detecten.

Exit mobile version