Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP ve sospeitoso que o Pacto polo Emprego que promove a Deputación estivera paralizado practicamente e se reactive agora

Nota de Prensa

Barcia advirte a Gómez Besteiro que o PP non permitirá  que a Deputación “mercadee coa desgracia de estar no paro”

* O voceiro adxunto dos populares na administración provincial considera sospeitoso que o Pacto polo Emprego estivera paralizado prácticamente tres anos e se reactive agora, a só oito meses da celebración das eleccións municipais

Lugo, a 10 de setembro de 2010.- Qué actuacións se levaron a cabo durante o 2008 e 2009 enmarcadas dentro do Pacto provincial polo Emprego que está a promover a Deputación? Esa é a pregunta que plantexa José María González Barcia, voceiro adxunto do Grupo provincial do Partido Popular, despois de constatar que esta iniciativa, que permaneceu paralizada durante prácticamente tres anos “cando a crise económica estaba a pasar factura coa destrucción de moitos postos de traballo”, reactivase “casualmente agora, a oito meses da celebración das eleccións municipais, parece bastante oportunista”.

Os orzamentos da Deputación tiñan consignados para o Pacto provincial polo Emprego para o 2008 e 2009 algo máis de 1,5 millóns dunha partida total de 3.399.937,7 euros pero descoñécese, segundo salienta Barcia, a qué se destinaron  eses fondos se é que se empregaron en algo. “Que un tercio da cuantía total das dúas anualidades estivera consignado a gastos diversos pode dar xa algunha pista”, apuntilla.

O deputado provincial popular tamén chama a atención sobre o feito de que “non están moi claros” os criterios que se van a empregar para seleccionar os desempregados que se van a beneficiar dos 45 cursos formativos programados, nin sequera en que municipios da provincia se van a desenvolver. “Non quero pensar mal pero, vistos os antecedentes, moito me temo que acaben celebrándose en concellos gobernados por socialistas e nacionalistas, convertindo este programa nunha oportunidade para ambas forzas políticas para vender favores e mercadear con persoas que desgraciadamente non dispoñen dun posto de traballo”.

Neste senso, González Barcia advirte que o seu partido fará un “seguemento exhaustivo” deste programa e que non permitirá que se pretenda obter algún tipo de rédito político e partidista como consecuencia da mala coxuntura económica actual que, segundo lembra, contribuiu a agravar a nefasta política desenvolvida polo goberno que preside Rodríguez Zapatero.

Exit mobile version