Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP presentou unha proposta para que se diagnostique e trate a enfermidade dos eucaliptos do Souto da Retorta

Nota de Prensa

A proposición non de lei insta tamén á  Xunta a estender o estudio da evolución da praga ao resto dos exemplares da zona que poidan estar danados

EMMA ÁLVAREZ PRESENTA UNHA INICIATIVA NO PARLAMENTO PARA QUE SE DIAGNOSTIQUE E TRATE A ENFERMIDADE QUE AFECTA AOS EUCALIPTOS DO SOUTO DA RETORTA

Santiago, 7 de setembro de 2010.- A deputada do Grupo Popular Emma Álvarez Chao ven de presentar no Parlamento galego unha iniciativa pola que se insta á Xunta a diagnosticar, por parte dos técnicos da Consellería de Medio Rural, a posible enfermidade que está a afectar aos eucaliptos do Souto da Retorta, o Eucaliptal de Chavín, en Viveiro, así como a proceder ao tratamento da masa forestal danada.

A proposición non de lei insta tamén á  Xunta a estender o estudio da evolución da praga ao resto dos exemplares da zona que poidan estar danados, despois de que veciños e visitantes do Souto da Retorta coincidiran en advertir de que os eucaliptos do dito espazo perderon unha importante cantidade de folla, chegando a secar algunha destas árbores xa centenarias, polo que é posible que sexa vítima dalgunha praga como a do goniptero, que afecta a esta especie de eucalipto.

O Eucaliptal de Chavín foi creado en 1875 por José Barro,  propietario da antiga fábrica téxtil de Chavín e hoxe en día é patrimonio da Xunta de Galicia e está declarado como Monumento Natural. Ten unha masa eucaliptal da especie eucalyptus globulus composta por uns 600 exemplares, os máis novos dos cales foron plantados en 1912. Entre estes exemplares destaca o coñecido como o “Abó”, que supera os 80 metros de altura, cun diámetro superior aos 2,5 metros e un perímetro de tronco duns 10,5 metros. O Servizo de Conservación da Natureza sitúao como o que ten un maior volume de madeira, uns 75 metros cúbicos, e a documentación existente indica que é un dos máis grosos de Europa.

A iniciativa presentada por Álvarez Chao insta igualmente á Xunta a facer un seguemento posterior, unha vez tratado o eucaliptal, para verificar a efectividade da actuación.

Exit mobile version