DESPOIS DE TRES ANOS DE PROMESAS INCUMPRIDAS O PP PREGUNTA A GARCÍA RIVERA: ¿CANDO VAI CHEGAR A AUGA DA TRAÍDA MUNICIPAL Á HERMIDA EN SAN MARTIÑO?
* A negativa de García Rivera a proporcionar unha copia do proxecto e da certificación número 1 e final aos edís do Grupo popular, pese a tela solicitada formalmente, levoulles a desprazarse ata a zona para saber que actuacións alí se tiñan desenvoltas e corroborar unha vez máis que o Alcalde faltou a súa palabra.
Foz, 20 setembro de 2010.- O Grupo Municipal do Partido Popular, a través do seu portavoz, Pedro Fernández Manín, pregúntase cando vai a chegar a auga da traída municipal ata o barrio da Hermida na parroquia de San Martiño, despois de que os veciños da zona estean a ser protagonistas de anos de promesas incumpridas por parte da Alcaldía. Os populares lembran que García Rivera deu por feito en diversas ocasións que o Goberno municipal que el preside executaría as obras necesarias para que o abastecemento de auga da rede municipal chegara ata a Hermida, pero a día de hoxe seguen agardando por este servizo.
TRES ANOS DE PROMESAS INCUMPRIDAS
Hai que remontarse ata o mes de setembro de 2007, tres anos atrás, para atoparse coa primeira promesa de García Rivera quen daba por feito na prensa que se proporcionaría auga da traída municipal a preto de 50 veciños desta localidade. Novamente en agosto de 2008 o sr. alcalde anunciaba que tiñan previsto executar “todas as obras que foran necesarias” e incluso comprometía un investimento de preto de 56.000 euros “que se financiarían con cargo ao POS e, polo tanto, con achegas do Goberno central, provincial e do propio concello”. En ambas ocasións o rexedor socialista incumpría as súas promesas, incluso despois de ter cualificadas estas actuacións como unha obra modelo, como “o perfecto exemplo do traballo diario que se executa desde o Concello”. En resume, segundo os populares, tres anos despois da primeira promesa queda acreditado que o único que se fixo por estes veciños foi “palabrería e propaganda”, dúas notas que se están a converter, “por deméritos propios”, nas principais características da xestión municipal do Goberno de García Rivera.
ESCURANTISMO SOSPEITOSO DA ALCALDÍA
O Grupo Municipal do Partido Popular, ante a tardanza na prestación deste servizo interesouse pola execución das obras comprometidas pola Alcaldía e solicitou formalmente –cun escrito selado no rexistro municipal en data 24 de novembro de 2009- a copia do proxecto e da certificación da obra. A petición, para non variar coma na maioría das solicitudes, non obtivo resposta o que levou a sospeitar aos edís do Grupo Popular que existía algún motivo para incorrer por parte do Goberno municipal en este escurantismo. Por todo iso varios concelleiros populares desprazáronse ata a zona para supervisar as actuacións que alí deberan executarse e corroboraron, que alí non chegaba a auga municipal e que unha vez máis, o Alcalde faltou á súa palabra e enganou a estes veciños, dado que do prometido solo está feito parte.
. . . / . . .
. . . / . . .
UN ALCALDE SEN CREDIBILIDADE
Os populares lamentan que o Goberno municipal non executaran esta obra do subministro de auga ao núcleo da Hermida, máxime cando é un dos poucos espazos de todo o municipio que aínda non gozan deste subministro. Os veciños desta poboación que forma parte da parroquia de San Martiño fan polo momento uso da auga procedente de fontes e mananciais particulares que corren o risco de ir secándose. De aí a importancia de acometer unhas obras “mil veces prometidas e mil veces incumpridas”. Nesta liña os populares sospeitan que como o 2010 é ano electoral, volverán a escoitar a promesa en voz do rexedor socialista, malia que unha vez máis, “serán palabras que leve o vento, desprovistas de toda credibilidade, como é habitual cas promesas do Sr. García Rivera”.