Nota de Prensa
A Proposición non de lei, defendida por Rosendo Fernández e que non contou co respaldo de PSOE nin do BNG, enmárcase na liña iniciada polo actual Goberno galego de centrar a atención nos pacientes e priorizar os casos máis graves e urxentes
O PARLAMENTO APROBA UNHA INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA QUE OS PACIENTES CON SOSPEITA DE PATOLOXÍA ONCOLÓXICA SEXAN DIAGNOSTICADOS EN 15 DÍAS E INICIEN O TRATAMENTO ANTES DUN MES
Santiago, 3 de setembro de 2010.- A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular dirixida a que os pacientes sobre os que apareza unha sospeita de patoloxía oncolóxica sexan diagnosticados nun prazo de 15 días e poidan iniciar o tratamento antes dun mes.
A proposición non de lei, defendida polo voceiro de Sanidade do Grupo Popular, Rosendo Fernández, e que non contou co respaldo de PSOE nin do BNG, enmárcase na liña iniciada polo actual Goberno galego de centrar a atención nos pacientes e priorizar os casos máis graves e urxentes. Unha estratexia que dou xa resultados como o de cumprir o obxectivo de atender aos pacientes de prioridade 1 en menos de 30 días, demostrando que o sistema sanitario galego tiña capacidade de mellora.
Nesa mesma liña, a Consellería de Sanidade anunciou que implantará protocolos e medidas co obxectivo de conseguir o diagnóstico en 15 días e o inicio do tratamento en menos dun mes nos casos de cancros de pulmón, próstata, mama e colon rectal, que supoñen o 80% dos cancros.
O Grupo Popular considera ese obxectivo unha prioridade e nese sentido presentou esta iniciativa para lograr esa axilidade no diagnóstico e tratamento dos enfermos de cancro.